
O director do Igape, Javier Aguilera, convidou aos 18 mozos galegos que veñen de ser seleccionados a través do programa de bolsas de promoción exterior para colaborar nos procesos de internacionalización das empresas galegas a sacar o máximo proveito da experiencia, que facilitará a súa futura inserción laboral como expertos en comercio exterior.
Os bolseiros seleccionados, que comezaron hoxe o seu período de formación práctica e que xa dispoñen de formación teórica en comercio exterior, gozarán dunha bolsa de 12 meses prorrogable por outros doce, na que prestarán servizos en destino desde os principais mercados de interese para o tecido empresarial, como Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Reino Unido, Marrocos, Rusia ou China, entre outros, ao tempo que seguen especializándose neste ámbito de xestión.
A través do Igape, a Xunta de Galicia está a dar resposta integral ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir no ámbito da internacionalización; desde o coñecemento dos mercados e a valoración de oportunidades, ata a toma de decisións de implantación en mercados exteriores, con servizos tanto en orixe como en destino e coas axudas e apoios financeiros para cada fase da internacionalización.
No eido da incorporación de especialistas ao tecido empresarial, o director do Igape lembrou que, ademais deste programa de bolsas de promoción exterior, dotado con 1,1 millóns de euros, a Consellería de Economía e Industria pon en marcha entre outras medidas axudas para a contratación no de xestores de internacionalización, ademais de contar cunha bolsa de especialistas con 600 inscritos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.