Notas de prensa

Recuperación e aumento dos beneficios, obxectivos do novo Plan de Turismo

O novo documento destaca a aposta por tres conceptos clave: dotar o sector de maiores doses de innovación e de competitividade, avogar por presentarnos no mundo cunha oferta turística diferenciada, e promover a participación activa do conxunto da cidadanía para captar visitantes.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou tras o Consello a aprobación do Plan integral de Turismo ata o ano 2016, que une todas as administracións e ao sector na planificación e coordinación das políticas turísticas para os vindeiros tres anos. “O obxectivo é conseguir que Galicia compita mellor no mercado nacional e internacional como un destino único atractivo para os visitantes”, afirmou, logo de incidir en que este plan nace da constatación de que o turismo é un dos eixos fundamentais da economía galega, cuxo peso no PIB autonómico é do 10%, que acapara tamén case o 10% do emprego en Galicia e que posúe unha enorme capacidade para dinamizar o conxunto da economía.

Para acadar esta meta, o presidente da Xunta destacou a aposta por tres conceptos clave: dotar o sector turístico galego de maiores doses de innovación e de competitividade. Avogar por presentarnos no mundo cunha oferta turística diferenciada, que faga de Galicia un destino único, no que desfrutar de atractivos que non existen en ningún outro lugar. E promover a implicación de todos os sectores implicados no fenómeno turístico e a participación activa do conxunto da cidadanía no obxectivo da captación de visitantes.

Fortalezas e oportunidades

Feijóo explicou que o primeiro paso na elaboración deste plan foi a realización dun exhaustivo diagnóstico do marco actual do turismo en Galicia, con análise das principais fortalezas, debilidades e oportunidades.

Ao fío disto e, no tocante aos puntos fortes, destacou que Galicia é unha Comunidade que presenta especial coidado na preservación do seu territorio –cun 12% do seu territorio protexido, que conta co Parque Nacional das Illas Atlánticas, con 6 Reservas da Biosfera e con 59 Lugares de Importancia Comunitaria-; que se diferenza pola variedade e pola calidade das súas augas e dos seus produtos –termalismo e gastronomía-; e que conta cun símbolo histórico de dimensión internacional que é o Camiño de Santiago, ademais de posuír un inmenso patrimonio artístico e cultural, recoñecido con 4 declaracións de Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

A partir deste punto de partida, o novo plan marca unha folla de ruta con seis liñas de actuación. A primeira delas é facer do Camiño o eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e reclamo internacional, “convencidos de que podemos perseverar na liña ascendente de peregrinos que nos visitan ano a ano”.

Como segunda estratexia, Feijóo destacou a necesidade de reforzar a oferta turística baseada no patrimonio “porque é –dixo- un dos instrumentos máis útiles para desestacionalizar a oferta e captar novos públicos”.

Consolidar Galicia como destino ambiental; fomentar o aproveitamento das novas tecnoloxías; promover e comercializar Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda, tal e como xa se comezou a facer nos últimos anos a través da marca Galicia; e promover o consenso e a cooperación entre o sector público e privado son as outras liñas de actuación que contén este plan.

Así mesmo, esta estratexia marca un conxunto de obxectivos concretos e facilmente cuantificables en 2016, que apuntan basicamente ao propósito de incrementar os principais indicadores turísticos no número de visitantes en establecementos regrados, no número de turistas internacionais, na ocupación media hoteleira, na estadía media nos hoteis e no gasto total dos turistas internacionais.

Ao fío disto, Alberto Núñez Feijóo subliñou que o plan está dotado das ferramentas necesarias, como a de facer un seguimento e avaliación mensual, no que estarán os sectores privados.

En definitiva, o plan marca unha folla de ruta co obxectivo de mellorar os incrementos rexistrados o pasado ano 2013: cun 4,9% no número de turistas (o dobre do que se incrementou de media en España); dun 1,9% das pernoitas e, especialmente, do turismo internacional, que rexistrou un incremento do 11%. “

Durante a rolda de prensa, Feijóo insistiu en que esta estratexia se presentará co sector e non ao sector, “para pasar dunha planificación para afrontar a crise, a outra planificación para aproveitar a recuperación”. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da creación de sinerxías entre todos os axentes, “de entender que o turismo é unha estratexia colectiva”.

Plan de inspección sanitaria 2014-2017

Por outra banda, o presidente da Xunta destacou tamén a aprobación do Plan de inspección sobre centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias para o período 2014-2017, un plan renovado e reforzado no que unha de cada tres liñas son novas para garantir os niveis de calidade que esperan e merecen os cidadáns.

Ademais de mellorar as infraestruturas, como se está a facer; de reducir as listas de espera en función da gravidade das patoloxías; e de incrementar as prestacións sanitarias, Feijóo destacou a importancia de reforzar o Plan de inspección sanitaria con tres obxectivos prioritarios: loitar contra a fraude, “é dicir, evitar que se empregue de forma fraudulenta a sanidade pública; blindar a garantía de calidade asistencial, “velar por que a sanidade sexa a que ten que ser de acordo co dereito que teñen os cidadáns”; e exercer a tutela dos dereitos dos pacientes, “facilitando o menor número de demoras e facilitando os mellores tratamentos e as maiores prestacións tecnolóxicas e fármaco-terapéuticas”.

Con este triplo obxectivo, o plan define 29 liñas de actuación para os vindeiros catro anos, das que 11 son novas. É dicir, 1 de cada 3 instrumentos de inspección incluídos neste plan serán desenvolvidos por primeira vez.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES