Notas de prensa

Lugo acolle a presentación en Galicia de Economistas frente á crise

Estes profesionais ofrecen unha visión alternativa ás medidas económicas actuais que debilitan os servizos públicos básicos e denuncian a manipulación da opinión pública para xustificalas.

A Deputación de Lugo achega por primeira vez a Galicia, o día 21 de xaneiro, ó Presidente e a dous dos membros fundadores de Economistas frente a la crisis. Jorge Fabra, Mónica Melle e Alfonso Prieto expoñerán as propostas económicas do colectivo, encamiñadas a manter o pulso da economía e actuar en favor dos cidadáns. A conferencia, que terá lugar ás 19:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, será totalmente gratuíta e de acceso libre, coas prazas limitadas unicamente ó aforo do recinto.

O colectivo Economistas frente a la crisis naceu no 2012 impulsado por un grupo de economistas preocupados pola interpretación e información que se estaba a ofrecer á cidadanía e ós medios de comunicación acerca da natureza da crise, da súa diagnose e da súa xestión, tal e como eles mesmos declaran no seu manifesto fundacional. Economistas, malia que nacido en Madrid, xa conta con grupos estables en cidades como Valencia, Barcelona ou Zaragoza. Agora presentan esta iniciativa na Comunidade galega.

Impulsado nos seus inicios por economistas -60 membros fundadores-, na actualidade integra tamén a outros profesionais que veñen denunciando feitos como que a manipulación á que se somete dende hai tempo a certos termos económicos co fin de ofrecer á opinión pública unha visión da crise e da xestión que se está a facer dela moi alonxada da realidade. Como exemplo dista manipulación, estes economistas citan o concepto de austeridade que non é, como se está dando a entender, déficit cero, senón a eficacia na inversión e no gasto. Neste sentido, denuncian que o único que se está tentando facer con esta manipulación é disfrazar a debilitación da prestación de servizos públicos básicos, como a educación e a sanidade.

Os poñentes analizarán diferentes temas de plena actualidade, tales como a reforma laboral e as políticas activas de emprego; a situación do sector industrial no país ou do sector da enerxía. Ademais, someterán a análise diversas propostas económicas que poden contribuír de xeito decisivo ó progreso social.

Os poñentes

Jorge Fabra Utray, presidente de Economistas frente a la Crisis (EFC), é economista e doutor en Dereito, é un destacado experto en economía da enerxía. Presidente de Red Eléctrica de España (REE) dende 1988 ata 1998 e vogal-conselleiro da Comisión Nacional da Enerxía dende 2005 ata 2011, é autor do libro Un mercado para la electricidad: ¿Regulación o liberalización?

Mónica Melle Hernández, economista membro fundadora de EFC, é doutora en Economía e profesora titular de Economía Financeira da Universidade Complutense de Madrid. Directora xeral de Infraestructura do Ministerio de Defensa durante catro anos, ten ocupado diferentes cargos de responsabilidade, como o de Subdirectora Xeral de Análise Económica das Comunidades Autónomas no Ministerio de Administracións Públicas; Subdirectora Xeral de Promoción de Industrias Culturais, Fundacións e Mecenado do Ministerio de Cultura, así como asesora para asuntos económicos e financeiros no Gabinete da Ministra de Vivienda e no do Gabinete do Secretario de Estado de Universidades e Investigación, no Ministerio de Educación y Ciencia.

Alfonso Prieto, economista, é membro fundador de EFC. Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu a maior parte da súa traxectoria profesional no Ministerio de Traballo, na área de Emprego, onde foi responsable da unidade de Estudios de Empleo entre 1996 e 2012. Tamén foi Delegado de España no Comité de Empleo y Asuntos Sociales (ELSA) de la OCDE en dúas etapas: entre 1985 e 1988 e entre 1996 e 2012. Así mesmo, foi o delegado español no grupo de traballo de Emprego do Comité ELSA da OCDE, neses mesmos anos. Asistiu como experto a numerosas reunións do Comité de Empleo da Comisión Europea.

A asistencia é totalmente gratuíta e unicamente limitadas ó aforo do Salón de Actos. Os interesados poden atopar máis información na web www.deputacionlugo.org

Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo, 2014-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES