A profesora do Departamento de Didáctica da Lingua e das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria Monserrat Pena Presas ofreceu na Delegación da Xunta de Galicia-Casa de Galicia en Madrid a conferencia-coloquio "Soñar para nenas e mozos en galego: os libros que marcaron o Camiño", na que fixo un percorrido polas diferentes etapas polas que pasou a Literatura Infantil e Xuvenil galega (LIX, na súa sigla en galego). Entre o público asistente había numerosos alumnos de galego da Universidade Complutense de Madrid, o Espazo das Linguas Ibéricas e a Escola Oficial de Idiomas.
Pena Presas estivo acompañada na mesa polo profesor de galego da Universidade Complutense e investigador da Universidade de Santiago de Compostela Ricardo Pichel Gotérrez, que fixo a súa presentación, e polo coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen adiantou que a conferencia consistiría nun percorrido pola literatura infantil e xuvenil galega dende a súa consolidación como xénero ata os nosos días.
Nese percorrido, a conferenciante detallou as diferentes etapas polas que pasou a Literatura Infantil e Xuvenil galega: dende o momento en que se publica "Margarida a do sorriso de auroa" (1927) de Evaristo Correo Calderón, pasando polos primeiros pasos formais para crear unha LIX en galego (por iniciativa de Xosé Neira Vilas, que en carta a Francisco Fernández del Riego lle fala da necesidade de que o grupo Galaxia se ocupe desa cuestión) que asentarían o incipiente campo literario a partir do inaugural "Memorias dun neno labrego", deténdose "no importante momento en que o galego é incorporado como materia de ensino, o que dá lugar a unha importantísima nómina de autoras e autores saídos maioritariamente do ensino (Cuncha Branco, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, X. P. Docampo...)" sen esquecer o momento de consolidación, que situou en 1985, cando Das cousas de Ramón Lamote", de Paco Martín, gañou o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil, "o que supuxo un fito na historia das nosas letras".
Tampouco minimizou o tempo da ilustración, "que é tamén o da visibilización internacional (en 1999 Óscar Villán con "O coelliño branco", Premio ás Mellores Ilustracións de Libro Infantil do Ministerio de Cultura), en que a LIX galega comeza tamén a resaltar pola calidade das súas edicións, dos seus ilustradores e ilustradoras".
Partindo dalgúns dos libros que foron marcando cada unha destas etapas, a conferenciante ofreceu un paseo lúdico pola historia da LIX galega, un campo literario do que afirmou que "se ben foi considerado menor ata escasos anos, está a soster os sistemas literarios peninsulares. Obras de Neira Vilas, Carlos Casares, Xohana Torres, Manuel María, María Xosé Queizán, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo, Marilar Aleixandre, Xosé Ballesteros e Xerardo Quintiá, entre outras, citáronse como exemplo de literatura que naceu vinculada ao ensino e que comezou a voar por si mesma. "Tanto, e tan alto, que a ´literatura para adultos´ mira para ela. Porque a LIX galega partiu dun sono e segue soñando na actualidade".
Monserrat Pena Presas (Sada, A Coruña) é licenciada en Filoloxía Galega e diplomada en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Edición pola Universiad de Salamanca. Foi profesora de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Bangor, Gales, e investigadora contratada na Universidade de Santiago de Compostela, onde está a realizar o doutorado sobre estudos de xénero e literatura xuvenil galega e traballa como profesora interina no Departamento de Didáctica da Lingua e das Ciencias Sociais. Está especializada en literatura galega contemporánea e, máis en concreto, no ámbito da literatura infantil e xuvenil.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.