Notas de prensa

Máis de 43.000 pensionistas galegos recibirán unha paga extra de 206 euros

Aboarase nun único pago no mes de xaneiro, a través dunha transferencia bancaria na conta corrente onde os beneficiarios teñan domiciliado o recibo ordinario da súa prestación. A Xunta destaca o enorme esforzo que fai Galicia para manter este complemento e incrementalo un 30% respecto a 2009.

Dentro do apoio ás persoas vulnerables nos momentos de maior dificultade económica, o titular da Xunta destacou, na rolda de prensa do Consello, a aprobación un ano máis do decreto polo que máis de 43.500 galegos percibirán unha paga extraordinaria de 206 euros: persoas beneficiarias das pensións non contributivas; as que perciben o fondo de asistencia social; e as que cobran o subsidio de garantía de ingresos mínimos. E para o que a Xunta destina preto de 9 millóns de euros.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou, en primeiro lugar, o carácter extraordinario do complemento das pensións non contributivas, xa que de acordo coa doutrina constitucional este complemento ten que ser excepcional e temporal, “e por iso o aprobamos ano a ano, en función da motivación da situación económica que estamos a vivir”. E, en segundo lugar, recordou que se trata dun complemento que só existe noutras dúas comunidades: Andalucía e Cataluña.

Diante destes datos, o responsable do Executivo galego salientou que durante estes anos de crise, Galicia fixo un enorme esforzo orzamentario para manter este complemento, para incrementalo un 3% con respecto ao ano 2009 e para que ademais sexa o máis elevado de toda España.

Así mesmo, subliñou que ese esforzo necesario para poder abonalo é un paso máis dentro da aposta da Xunta por apoiar ás persoas máis desfavorecidas fronte á crise económica. Non en van o orzamento destinado á Renda de Inclusión Social de Galicia crecerá tamén en 2014 un 21,4% máis que en 2013; e, tamén se blinda o orzamento destinado ás Axudas de Emerxencia Social.

“Hoxe, polo tanto, queremos reiterar o noso compromiso por establecer esta paga extraordinaria como fixemos en 2009, en 2010, en 2011, en 2012 e como imos facer no ano 2013. Coa dificultade propia do momento, estamos tentando demostrar á sociedade galega que hai unha vontade de seguir sendo sensibles coa situación de dificultade económica que están a padecer as familias que non cotizaron á Seguridade Social e, polo tanto, que teñen unha pensión non contributiva ou que perciben outro tipo de prestacións similares. E, tamén, nos sentimos satisfeitos –reiterou- de poder ser a comunidade autónoma do conxunto de España que máis paga en concepto de paga extraordinaria ás persoas que máis o necesitan”.

O pagamento realizarase nun único pago no mes de xaneiro, a través dunha transferencia bancaria na conta corrente onde os beneficiarios teñan domiciliado o recibo ordinario da súa prestación.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES