Notas de prensa

Apróbase un paquete de incentivos de 50 millóns para a empregabilidade de máis de 15.000 persoas en paro

Este financiamento constitúe só unha parte de todo o investimento que realizará a Xunta en materia laboral ao longo de 2014 xa que, a elas, sumaranse outras destinadas á mocidade, á cooperación cos concellos ou aos autónomos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, tralo Consello, a aprobación dun paquete de incentivos cun investimento de 50 millóns e que facilitará a empregabilidade de máis de 15.000 persoas en paro. “Estamos a falar dun investimento concreto, 50 millóns, con instrumentos claros que inclúen diversas iniciativas en materia de formación, orientación e busca de emprego, programas transversais e obradoiros de emprego, e con obxectivos prioritarios, que son todos aqueles colectivos con especiais dificultades de inserción: persoas con discapacidade, en risco de exclusión, ou mulleres vítimas de violencia de xénero”.

Máis polo miúdo, Feijóo destacou que se trata dun total de catro liñas de actuación distintas, que constitúen só unha parte de todo o investimento que realizará a Xunta en materia laboral ao longo de 2014 xa que, a estas iniciativas, sumaranse outras destinadas á mocidade, á cooperación cos concellos ou aos autónomos, entre outras.

Así, en primeiro lugar, o presidente autonómico referiuse ás axudas en materia de formación (30,3M€): “Seguimos vinculando o 100% das accións á obtención de certificados de profesionalidade. Polo tanto, os cursos de formación se substitúen por certificados que acrediten academicamente e que acrediten desde o punto de vista da formación do traballo esa cualificación”.

A previsión é que se beneficien deste programa 9.500 persoas paradas e estableceranse novas áreas prioritarias na impartición destes, concretamente: as accións formativas relacionadas cos sectores máis innovadores, aquelas que se centren na internacionalización, innovación, emprendemento e desenvolvemento tecnolóxico.

O alumnado que participe nestes cursos terá dereito a obter axudas en concepto de transporte, manutención e aloxamento. E os beneficiarios que teñan algún tipo de discapacidade poderán acceder tamén a axudas por asistencia.

No tocante ás axudas en materia de orientación (4,4M€), o titular da Xunta avanzou que se centrarán na contratación de técnicos que se encarguen de realizar o asesoramento ás empresas e ás institucións, tanto para as entidades locais, como para aquelas sen ánimo de lucro, e será por un período máximo de 12 meses. Grazas a esta convocatoria facilitarase a contratación de 231 persoas, que poderán prestar asesoramento a máis de 80.000 persoas.

En terceiro lugar, tamén se renova a aposta polos programas integrados de emprego (5,4M€), é dicir, actuacións transversais que combinan información, orientación, asesoramento ou formación. Todas estas iniciativas teñen un obxectivo de inserción mínima do 35% dos participantes, que se prevé que sexan 4.500 persoas; unha porcentaxe que o pasado ano se superou amplamente ao alcanzarse o 42% de media de inserción laboral dos participantes.

As axudas poderán ser solicitadas por entidades locais ou sen ánimo de lucro e, por primeira vez, esta convocatoria incorporará criterios de puntuación específica para primar os proxectos de xestión compartida entre varios concellos e tamén para aqueles que se desenvolvan nas provincias de Lugo e Ourense, de acordo cos Plan Impulsa.

Por último, o Consello da Xunta tamén autorizou as axudas en materia de obradoiros de emprego (10,2M€). Estes programas mixtos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo. E a previsión é que o próximo ano beneficien a 1.300 persoas.

“En definitiva –destacou o presidente da Xunta, a modo de resumo-, no penúltimo Consello do ano queremos iniciar a execución do presuposto de 2014 a través de programas de emprego. E queremos facelo para facilitar o emprego de ata máis de 15.000 persoas con estes programas orientados a unha formación de calidade, a unha formación con certificado e, tamén, en asesoramento e obradoiros de emprego”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES