Notas de prensa

Feijóo califica o primeiro ano desta lexislatura de difícil pero esperanzador

Na despedida da actividade parlamentaria, o presidente da Xunta destacou que en 2013, por primeira vez desde 2007, Galicia terá menos paro nun contexto complicado que pasa por manter á Comunicade como solvente, garantindo o autogoberno galego e mantendo os servizos públicos.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou o primeiro ano de Goberno da lexislatura como un ano difícil pero esperanzador para que no 2014 a economía volva crecer. “Difícil porque España e, en consecuencia, Galicia aínda non saíron da crise que levamos soportado nos últimos seis anos, porque o principal problema segue sendo o paro e porque temos que facer moitos esforzos para blindar, como o estamos a facer, os servizos públicos esenciais. Pero esperanzador porque os galegos, as familias e as empresas galegas están facendo un gran esforzo e podemos dicir que o próximo 2014, grazas ao traballo realizado nos últimos anos e en concreto neste 2013, vai dar os resultados desde o punto de vista do crecemento económico e do emprego”, aseverou.

En resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios no Pleno da Cámara e logo de subliñar que en 2013, por primeira vez desde 2007, Galicia acabará con menos paro que hai un ano; o responsable autonómico afirmou sentirse orgulloso do Goberno da Xunta; “un goberno –dixo- que acredita que en Galicia hai unha política económica e non tres; que acredita que hai un goberno sólido e non varios e que acredita que hai un grupo parlamentario que vota sempre en coherencia e non depende de como lle vaia a tarde”.

Solvencia, blindaxe dos servizos públicos e iniciar a senda da recuperación
Nesta liña, lembrou que o Goberno que preside naceu cun mandato moi claro “que estamos cumprindo”: manter a Comunidade autónoma solvente, é dicir, garantindo o autogoberno de Galicia, “e hoxe, Galicia é dona de seu, desde o punto de vista constitucional e estatutario”; blindar os servizos públicos, “e non só os blindamos senón que a Educación, os Servizos sociais e a Sanidade están mellor que cando vostedes gobernaban” -dixo en referencia ao bipartito-; e acreditar que Galicia é capaz de iniciar a senda da recuperación.

Así mesmo, Feijóo subliñou que neste ano de goberno aprobáronse 14 leis (dúas delas orzamentarias), entre as que destacou: a Lei de racionalización do sector público, a Lei de inclusión social, a Lei do seguro das esperas no ámbito da Sanidade, unha Lei de horarios comerciais, unha Lei que fomenta a investigación e a innovación e unha Lei de emprendemento.

No eido dos servizos públicos, o titular da Xunta reiterou que no orzamento do vindeiro ano o gasto social é o presuposto con maior porcentaxe de gasto público e avanzou a aprobación, no último Consello da Xunta, do suplemento de 206 euros para as pensións non contributivas. E, no campo da sanidade, garantiu que o Executivo autonómico seguirá a defender a sanidade pública e que unha utilización racional é a garantía de sustentabilidade desta.

Logo de referirse aos datos do barómetro sanitario, no que o 82% dos galegos considera boa ou moi boa a Sanidade -12 puntos máis que a media de España-; Feijóo subliñou que o Goberno galego está a investir máis que nunca en Sanidade, facendo o maior hospital público neste momento en España, o hospital público de Vigo; mellorando o hospital de Ourense, o hospital da Coruña e o hospital do Salnés.

Feijóo renovou o compromiso da Xunta coa Sanidade pública en Galicia xa que se seguirán facendo, insistiu, “máis hospitais, máis tecnoloxía, máis centros de saúde e menos listas de espera”. “Hoxe, hai menos lista de espera que no ano 2009; as patoloxías máis urxentes esperan menos que no ano 2009 e hai máis Sanidade pública desde o punto de vista da equidade e da calidade que no 2009”, dixo, ao que engadiu que nin os parados nin os que perciben a RISGA pagan os medicamentos.

No tocante á Educación pública, o responsable do Executivo autonómico subliñou que Galicia é a segunda Comunidade con máis profesores por alumno; creáronse más de 10.000 novas prazas públicas de comedores escolares; o 70% das familias teñen libros de texto; hai 38.000 novas prazas de formación profesional e 71.000 alumnos están aprendendo un terceiro idioma na escola pública galega. “E, como acredita a OCDE, temos un mellor sistema educativo hoxe que no ano 2009, cuns datos mellores que a media de España e que a media da Unión Europea e somos líderes en equidade educativa”.

Por último, o presidente da Xunta agradeceu as felicitacións do Partido Socialista logo da sinatura de contratos no sector naval por 300 millóns de euros. E concluíu incidindo en que 2013 foi un ano para ir construíndo as esperanzas cun traballo sólido e correctamente enfocado para que no ano 2014 a economía volva crecer.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES