
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e Santiago Novoa, director do Gabinete de Presidencia de Novagalicia Banco, asinaron o convenio de colaboración a través do cal se porá a disposición da cidadanía a colección de fondos bibliográficos de Novagalicia Banco, composta por 3.214 volumes, dentro da Biblioteca de Galicia, da Cidade da Cultura.
No marco desta sinatura o conselleiro destacou que esta cesión garante que todas as galegas e os galegos teñan acceso a unha das coleccións bibliográficas máis importantes da cultura deste país, un fondo de extraordinario valor que haberá de ser exposto, conservado e protexido pola administración galega. Asemade, Vázquez Abad anunciou unha futura exposición dos incunables presentes na colección, un conxunto de obras de gran interese, non só no ámbito Galego, senón tamén no estatal e internacional, na que están representados os principais centros impresores da época.
Ao abeiro deste acordo os fondos permanecerán na biblioteca do Gaiás por un período renovable de 5 anos en réxime de comodato. Desta forma garántese a conservación da unidade da colección, ademais de favorecer a cidadáns e investigadores o acceso á mesma, sempre primando a súa conservación. Ademais, a Consellería realizará un tratamento técnico dos fondos, catalogándoos e introducíndoos en bases de datos con normas internacionais e que sexan accesibles desde os rexistros pola internet. Con este procedemento poderán estar accesibles a través da biblioteca dixital Galiciana, Hispana e Europeana, así como dun portal específico que se creará na web da Biblioteca de Galicia. Así mesmo, contémplase a dixitalización progresiva dos fondos antigos con normas internacionais de metadatos.
Santiago Novoa manifestou, pola súa banda, a total satisfacción da entidade con este acordo, un bo exemplo, e hai moitos máis, do irrenunciable compromiso social deste banco coa sociedade galega.
O acordo contou co visto e prace de todos os informes preceptivos, incluído o da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería incoou o expediente para declarar Ben de Interese Cultural esta colección de fondos bibliográficos, ademais dos fondos artísticos das antigas caixas de aforro.
Na firma do convenio estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insúa; e representantes de Novagalicia Banco.
A colección de fondos bibliográficos e documentais de Novagalicia Banco está conformada por un total de 3.214 volumes. Entre eles cómpre salientar preto de cincocentos volumes antigos e recentes do ámbito económico desde o século XVI; unha colección de 257 documentos autógrafos de diversos personaxes e autores galegos; e unha valiosa recompilación de 66 incunables, obras anteriores ao ano 1500 ou dese ano, onde figuran impresos venecianos, de Roma, Florencia, Boloña; alemáns (de Nuremberg, Maguncia, Reutinguen, Leipzig, Augsburgo); de Lyon (Lugudunium), París e outras cidades.
Así mesmo, destaca o fondo histórico cun total de 2.350 volumes con obras que van, na súa maioría, desde o século XVI ata principios do XX. Abundantes obras do XVI e moitas do XVII, algunhas de gran valor, como o Quixote de Amberes de 1697, o Jenofonte de Basilea de 1545, obras de Virgilio, Ovidio, Homero, Boecio, Duns Scoto, Justino, Cicerón, Juan de Granada, Apiano, Dion Casio, San Atanasio e moitos outros en coidadas edicións. Do século XVI destaca un Ruscelli veneciano de 1583 sobre a milicia; hai abundantes obras do XVII e XVIII, así como as Memorias de Napoleón, editadas en 1823.
Así mesmo, tamén hai 11 facsímiles de obras relevante valor e interese como o da Biblia xudía Kennicot, o do Codex Calixtinus ou o Quixote en galego con gravados orixinais de varios autores. Entre eles existen exemplares editados pola propia entidade, como o Calixtino de Salamanca.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.