
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, pon en marcha por segundo ano consecutivo a actividade Lingua de Reis, que no marco do amplo programa Nadal en Rede levará os tres Magos de Oriente a 16 centros de titularidade pública para dinamizar o uso da lingua propia de Galicia en alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria nas vésperas das vacacións de Nadal.
O secretario xeral de Política Lingüística asistiu ao encontro celebrado no CEIP Palas de Rei, no que estivo acompañado polo tenente alcalde da localidade lucense, Amando Sande, e mais polo concelleiro de Educación, José Ramón García.
García Gómez destacou a importancia simbólica de que uns personaxes tan queridos pola xente miúda non só falen na nosa lingua, senón que tamén as Súas Maxestades animen a escribir as misivas cos desexos para o Nadal 2013 en galego, proba de que os Magos de Oriente coñecen o idioma propio de Galicia e de que o galego, como foi no pasado, segue a ser, arestora, Lingua de Reis.
Melchor, Gaspar e Baltasar deixaron patente o seu cariño e respecto pola lingua galega, un idioma que lles encanta falar, ler e escoitar, segundo manifestaron nun breve discurso ao inicio do acto. Logo das presentacións, a rapazada puido conversar cos Reis Magos e recibir persoalmente as cartas cos seus desexos para a noite de Reis.
Os Reis Magos, que iniciaron o seu periplo pola RDL esta semana, seguirán visitando centros de ensino radicados en localidades da RDL durante a que vén, nas vésperas das vacacións escolares do Nadal. Logo de percorrer O Vicedo, A Pontenova, Monterroso, O Incio, Boimorto e Palas de Reis, os encontros chegarán a Castro Caldelas, A Veiga, Melón, Ramirás, Caldas de Reis, Cerdedo, Bande, Cea, Mesía e A Baña.
Nadal en Rede
Lingua de Reis é unha das iniciativas do programa Nadal en Rede, que inclúe un amplo abano de propostas de lecer e escolares coordinadas estas últimas en colaboración cos concellos- de balde, así como recursos para festexar o Nadal en galego.
Destinadas ao público familiar póñense en marcha as actividades O Crebanoces e Cantámosche os reis. Na primeira delas, o espectáculo de teatro con monicreques baseado no conto de Hoffmann con música de Tchaikovsky chegará a 24 localidades, da man da empresa Urdime e da atriz Larraitz Urrozola. Na segunda, os cantares tradicionais de Nadal, Aninovo e Reis promoverán, en formato obradoiro e a partir da vindeira semana noutras 21 localidades, a recuperación dunha das tradicións galegas máis arraigadas na cultura popular, da man dos coñecidos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.
Xa está a disposición do público infantil a Carta ás Súas Maxestades, que se pode descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades. A mocidade e o público adulto ten oportunidade, tamén este ano, de felicitar as festas de maneira personalizada coas divertidas postais electrónicas do espezo virtual www.postaisengalego.com, accesible desde www.xunta.es/linguagalega/postais_en_galego.
A oferta de Nadal en Rede fornece de recursos ata aos propios Reis Magos, que poderán botar man, para as tradicionais cabalgatas do 5 de xaneiro, dunha manchea de discursos en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega actual, no Libro dos Reis Magos, editado por Galaxia e ao que se pode acceder, sen custo, no enlace web www.xunta.es/linguagalega/libro_reis_magos.
A guía dixital Un novo Nadal. Guía de agasallos en galego para a mocidade, promovida conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia achegará, nomeadamente á mocidade e ás familias novas con bebés, unha morea de posibilidades para agasallar este Nadal. Con ela completarase, nos vindeiros días, a posta en marcha da segunda edición de Nadal en Rede.
Máis información en www.xunta.es/linguagalega/nadal_en_rede_2013.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.