Notas de prensa

Os Premios da Cultura Galega 2013 reflicten un esforzo creativo e inspirador

"No novo rexurdimento que a cultura galega experimenta, está o esforzo individual dos creadores, a convicción do pobo que os inspira, apoia e reivindica, e tamén políticas que abranguen todas as administracións, sen distinción de etiquetas". Foron declaracións do presidente da Xunta na entrega dos Premios da Cultura Galega.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos Premios da Cultura Galega como un recordatorio de que Galicia posúe un inmenso “Exército pacífico” e un arsenal perfectamente dotado para vencer os novos desafíos que a cultura presenta. “Os creadores, as industrias culturais, son os silvicultores dunha fraga que é patrimonio común. Necesitámolos para que nunca esmoreza”, subliñou, despois de lembrar que ningunha cultura ten un seguro de vida xa que “a historia –dixo- é un cemiterio de culturas que pereceron, levando con elas a esencia de pobos borrados da memoria”.

Nesta liña, Feijóo subliñou que os galegos da diáspora o sabían e, por iso, en vez de pensar que aquela cultura súa estaba asociada á penosa condición da que saían, nunca renegaron dela. “Os que alá se foron puideron optar por esquecer todo o deixado atrás, e nacer de novo. Pero decidiron seguir sendo o que eran, galegos, e fixérono sen ter entre eles líderes cultivados. Aferráronse á cultura de maneira espontánea, natural, intuíndo que, privados dela, perderían a alma”, aseverou.

Para o presidente da Xunta a historia colectiva e a memoria persoal de cada un deses galegos que fixo un trato eterno cos seus valores é un elocuente desmentido aos que pensen que a cultura é superflua, ou que debe estar relegada a un papel secundario en momentos de dificultade.

Un novo rexurdimento da cultura

Non en van, afirmou que ese mesmo sentimento reclama unha presenza do noso no mundo globalizado e na era dixital, dous desafíos que, na súa opinión, estanse vencendo porque “temos pobo, terra e fala”, e contamos con algo máis que se pon de relevo nestes premios: “Unha posta en valor do patrimonio, co Museo Castro de Viladonga; un traballo coas correntes máis vangardistas, feito pola Fundación Eugenio Granell; unha paciente recreación das artes escénicas desde o xa afastado 1973, na Mostra de Teatro de Ribadavia; unha incursión decisiva de Bambú Produccións nos territorios audiovisuais; unha defensa da lingua na rede que lle debemos a Punto Gal, e que dará os seus froitos a comezos de 2014 cun dominio netamente galego; un fondo musical a este novo rexurdimento, nas partituras de Juán Durán; unha proxección exterior, posible na Arxentina co Instituto Santiago Apóstol, exemplo de iniciativa, entrega e patriotismo; e unha forza poética que vén da man de Luz Pozo Garza”.

Feijóo afirmou que neste novo rexurdimento que a cultura galega experimenta, está o esforzo individual dos creadores, a convicción do pobo que os inspira, apoia e reivindica, e tamén políticas que abranguen todas as administracións, sen distinción de etiquetas. “Somos un referente cultural por tervos a vós -dixo en alusión aos premiados- e tamén por contar con innumerables artistas que o son simplemente por sentirse máis auténticos e felices”.

Feijóo concluíu a súa intervención volvendo a esa Galicia que medrou á outra beira do Atlántico porque nesa xesta se demostrou unha enorme capacidade da nosa cultura para a mestura. “Os nosos emigrantes experimentan en si mesmos unha temperá globalización. A cultura que os nosos levan, terá diante de si o dilema de pecharse nun gueto, ou abrise ás influenzas alleas. A nosa emigración non pecha as portas e as fiestras das súas sociedades e centros, senón que as abre de par en par para que se produza unha síntese cultural que hoxe podemos admirar”.

O titular do Goberno galego incidiu en que os galegos da diáspora ensínannos que a nosa cultura non é un reduto que se sinta cercado, senón que pola contra é expansiva, vai sempre na procura de novos horizontes, experimenta, innova, abrangue novos campos, e dialoga en pé de igualdade coas outras.

“Da mesma maneira que a emigración se perpetúa en países e sociedades que semellaban moi diferentes a nós, a cultura da Galicia moderna intérnase nun mundo global que para algúns aparecía como unha ameaza. O reto é análogo, a resposta, a mesma, e a consecuencia igual de frutífera. Galicia está no mundo, e o mundo está en Galicia”, aseverou.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES