A Xunta presenta aos axentes do sector lácteo galego unha útil ferramenta para monitorizar a evolución dos custos de produción do leite, que lles permitirá planificar a súa produción coñecendo datos sobre as condicións desta variable de maneira actualizada.
Así o explicou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, antes de reunirse con produtores e industrias do sector.
A conselleira valorou que despois de moitos meses se poidan sentar Administración, produtores e industria a unha mesma mesa para abordar a situación actual e perspectivas de futuro do sector leiteiro. Congratulouse tamén polos bos prezos do leite neste momento, que segundo dixo permítennos traballar con certa calma na análise e planificación futura deste sector, estratéxico para o noso agro.
Esta reunión serviu para dar a coñecer ás organizacións profesionais agrarias, cooperativas e representantes da industria este indicador, elaborado por técnicos do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organismo que depende da Consellería do Medio Rural e do Mar.
Esta ferramenta permite identificar a evolución dos custos de produción do leite, facilitando a obtención de conclusións claves na planificación da actividade do sector, tanto desde o punto de vista dos gandeiros como da industria. Ademais pode ser empregado como un dos indicadores á hora de crear un índice de referenciación dos prezos do leite nos contratos.
Na reunión tamén se analizou a situación actual e futura dos contratos lácteos, tendo en conta a súa importancia para o sector. Neste eido, a Xunta avoga porque os contratos sexan de longa duración e o prezo do leite sexa referenciado a un índice, desta maneira diminuirase a a incerteza dos axentes á hora de coñecer as condicións nas que se vai desenvolver a súa actividade e fará dos contratos un elemento estabilizador para o sector.
En todo caso, tamén se puxo de manifesto neste encontro que a formalización de contratos e o establecemento das súas condicións é unha obriga que atinxe ao sector. A Xunta o que fai e vai seguir facendo tal e como afirmou hoxe a conselleira é promover a súa sinatura, porque os considera de gran utilidade para o sector.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.