Notas de prensa

O Plan Director de Industria prevé que en 2020 traballen 1 de cada 5 galegos

No Fórum Nueva Economía, o conselleiro de Economía e Industria presentou as liñas mestras do Plan Director que deixa constancia da necesidade de reforzar a industria galega no local e no global para afrontar os novos retos da vindeira década.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, marcou como unha das grandes metas dentro da recuperación do emprego en Galicia, que un de cada cinco galegos traballe no ámbito da industria no ano 2020. Conde sinalou ese obxectivo durante a presentación das liñas mestras do Plan Director de Industria, que levou a cabo con motivo da súa intervención na tribuna do Fórum Nueva Economía no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago. Xunto co impulso do emprego, o Plan busca consolidar o tecido industrial actual, reforzar os sectores estratéxicos galegos, e integrar ás empresas nas cadeas de valor local e global, especialmente nas segundas.

Para acadar eses obxectivos, Conde avanzou o deseño das políticas públicas que a Consellería de Economía e Industria porá en marcha ao longo desta lexislatura, e que se centran en potenciar o eido industrial nos ámbitos local e global. No primeiro deles, subliñou que a acción do Goberno galego se centrará nos incentivos ao emprendemento e á innovación, reforzando con apoios o financiamento, e apoiando o papel dos sectores estratéxicos e as empresas tractoras. No ámbito global, Conde salientou o papel que a administración xogará, traballando en rede coas empresas, nas exportacións, a atracción de investimentos e o potenciamento dos clústers.

O Plan Director de Industria, sinalou, é unha aposta que levará a “entender Galicia non como periferia senón como nodo industrial”. A esa vocación responde o apoio ao financiamento das empresas; Conde resaltou que, a través do Igape, a Xunta puxo nos últimos cinco anos 600 millóns a disposición das empresas galegas, tanto en forma de axudas como de avais e préstamos. E confirmou que ese traballo se intensificará no futuro, buscando mellorar a liquidez da industria galega.

Neste senso, avanzou dous apoios específicos que buscan vertebrar territorialmente a industria galega: en primeiro lugar, un plan para, a través do Igape, permitir que as empresas se beneficien de tipos de interese competitivos –similares aos de Alemaña- nos seus créditos bancarios. E en segundo, avanzou un inminente acordo co Estado para poñer a disposición de Ferrol, Lugo, Ourense e Costa da Morte novos préstamos industriais por valor de máis de 10 millóns de euros.

Ese apoio se desenvolverá de forma paralela ao traballo de incentivos ao emprendemento e á innovación. Conde destacou a Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia como ferramenta fundamental no apoio á creación de novas empresas, xa que elimina con caracter xeral todas as licencias municipais, ofrece servizos de valor engadido a través da Unidade Galicia Emprende, e reforza as liñas de financiamento cun programa de microcréditos, un fondo de capital risco, e o impulso á rede galega de business angels.

No ámbito innovador, destacou como chave do futuro industrial a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará o investimento de 1.600 millóns de euros en innovación ata 2020.

Ademais, destacou o papel que está xogando o Goberno galego en tres ámbitos: na innovación aberta –en programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes, na atracción de talento –cun plan para ofrecer aos mellores científicos en 2014 as mesmas condicións que no exterior-, e na atracción de centros de I+D+i de grandes empresas –para o que a Xunta investirá un millón de euros o ano que ven-.

Conde destacou tamén o apoio constante que o Plan Director de Industria recolle para os sectores estratéxicos da economía galega, como o naval, a automoción, o téxtil, as TIC ou o agroalimentario, entre outros, e subliñou que ese apoio se intensificará no futuro, especialmente a aquelas empresas tractoras que xeren ao seu redor novas pemes que terminen por configurar industrias auxiliares.

Pemex e Barerras

O conselleiro de Economía e Industria referiuse, dentro dos sectores estratéxicos, á situación do naval galego. Neste senso, destacou que a entrada de Pemex en Barreras, no marco da alianza establecida coa Xunta, demostra as capacidades do sector naval galego e a solvencia e confianza que xera Galicia. “Pemex significa darlle viabilidade a un estaleiro, reforzar a súa competitividade e garantir o seu futuro. Iso é o que realmente interesa a Galicia, investimentos con vocación de permanencia”, sinalou.

Conde se referiu ademais ao futuro de Navantia, e advertiu que “non cesaremos no noso empeño por construír un futuro para os traballadores de Navantia, esixindo carga de traballo e unha estratexia que garanta a súa viabilidade. Os ferroláns deben saber que non están solos na súa loita. O futuro de Navantia é unha prioridade para o Goberno galego”, destacou.

Exportacións

Co obxectivo de que ese apoio á industria no ámbito local permita engarzar Galicia nas cadeas de valor global, Conde referiuse aos eixos da acción do Goberno galego para acadar unha industria forte no eido global: as exportacións, a atracción de investimentos e o apoio aos clústers. O conselleiro resaltou que, no que levamos de ano, o volume exportador subiu un 10%, “e lles podo adiantar que Galicia pechará 2013 con máis de 6.000 empresas exportadoras”, salientou, o que suporía a cifra máis alta da historia de Galicia.

“Hoxe as exportacións supoñen un 32% do PIB galego, un dato mellor que o do resto de España e que mellora en 8 puntos o resultado de 2012”, sinalou Conde, que destacou que a Xunta manterá o esforzo inversor en 2014 para, con 20 millóns de euros, apoiar ás empresas galegas en todas as fases da internacionalización, desde o primeiro diagnóstico ata o apoio sobre o terreo. A ese esforzo cara o exterior se lle sumará un especial traballo, de forma complementaria, na atracción de investimentos: os orzamentos de 2014 recollen una panca de 30 millóns de euros para mobilizar 150 millóns en investimentos.

Os fondos para exportacións e atracción de investimentos apuntalarán o traballo de diplomacia comercial que, de forma permanente, o Goberno galego está a facer en favor das empresas. Un apoio que se verá complementado co reforzo dos clústers galegos, aos que a Xunta acaba de apoiar con máis de 4 millóns en axudas no convencemento do seu papel clave na competitividade do tecido empresarial.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, Ãfrica e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES