Notas de prensa

A artesanía galega continúa coa súa internacionalización na Feira L'Artigiano de Milán

12 obradoiros artesáns participan no maior encontro internacional de artesanía, L’Artigiano in Fiera, de Milán (Italia) ata o 8 de decembro, na estratexia da Xunta de impulso ao sector artesán, centrada na aposta pola innovación, a formación e a mellora da comercialización.

Un total de 12 obradoiros artesáns galegos participan ata o 8 de decembro na feira internacional L’Artigiano in Fiera de Milán co apoio da Consellería de Economía e Industria.

A participación no maior encontro internacional de artesanía forma parte da estratexia de impulso ao sector artesán que desenvolve a Consellería, centrada na aposta pola innovación e o deseño, a formación e a mellora da comercialización. Neste eido estase a reforzar a presenza do produto artesán galego en feiras internacionais de prestixio co obxectivo de dar a coñecer o traballo dos profesionais galegos, e abrir novas canles cara ao exterior, ao tempo que contribúe á consolidación da marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e de prestixio nos mercados internacionais.

En L’Artigiano in Fiera poderánse ver os obradoiros de xoiería en prata ARomero (A Coruña) e Silvereira (Teo); os artesáns do coiro Santín (Cambre) e Jatafarta (Santiago); os complementos de Joyas de Papel, (Nigrán), Pendiente de un Hilo (Vigo), ComoCuando (Vigo) e Montse Betanzos (O Grove); o obradoiro téxtil Le Chanelas (Vigo); os ceramistas Ferreira Cerámica (Vigo) e Taller Nordés (Carnota); e as creacións de Ventanas al Pasado (Ponteareas).

L’Artigiano in Fiera chega á súa 18ª edición coma o maior evento internacional da artesanía, no que se resalta a capacidade dos creadores de realizar obxectos fermosos e de calidade. A feira reúne uns 3.000 artesáns de 110 países do mundo, en oito pavillóns do recinto Fieramilano (Rho), sendo visitada por máis de 3 millóns de persoas durante os 9 días nos que abre ao público. Así, L’Artigiano in Fiera consolídase como punto de encontro dos pequenos empresarios de todo o mundo e unha oportunidade para activar novas relacións comerciais.

Coincidindo coa inauguración da feira presentarase un novo proxecto de Ge.Fi., entidade organizadora da feira, que busca abrir novos mercados. Trátase de Make Hand Buy, unha plataforma exclusiva para os participantes en L’Artigiano e que permitirá seguir vendendo online os produtos dos obradoiros durante os 365 días do ano, ata que comece a seguinte edición da feira.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES