Notas de prensa

Viñerón 2013 reúne na Cidade da Cultura a empresas e viticultores de vangarda

A feira Viñerón 2013 fomenta o encontro entre entusiastas do viño, profesionais do sector hostaleiro, agroalimentario e turístico, así como bloggers e medios de comunicación especializados no mundo do viño. Como novidade, na sección Galicia emerxente dáselle espazo aos viticultores noveis galegos que chaman a atención polo seu talento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á promoción e difusión da cultura do viño fomentando o encontro entre profesionais e empresas de calidade no Viñerón 2013, feira vitivinícola que reúne o sábado 30 de novembro no Gaiás aos vinte mellores viticultores da vangarda europea.

Tras o éxito da primeira edición, que conseguiu congregar a máis de 300 asistentes, o ‘Viñerón 2013’ volverá reunir o sábado, 30 de novembro a partir das 15:00 horas, a entusiastas do viño, profesionais do sector hosteleiro, agroalimentario e turístico, así como bloggers e medios de comunicación especializados ao redor dos traballos máis destacados no mundo do viño. Un encontro de calidade que contribuirá a fomentar a cultura do viño e dar a coñecer a excelencia dos caldos que se producen en Galicia, así como das súas empresas.

Os viticultores convidados a participar no Viñerón 2013 foron seleccionados entre os que desenvolven na actualidade un traballo destacado de investigación e innovación en viticultura, variedades de uva, vinificacións, etc. Entre eles, estarán Elogio Pomares de Bodegas Zárate nas Rías Baixas e Rafael Palacios de Valdeorras como representación dos caldos galegos; Luis Seabra e Cristiano Van Zeller con viños do Douro (Portugal); Germán R. Blanco co Ribera del Duero ‘Quinta de Milú’; Nicolás Marcos de Cangas del Narcea; Gutiérrez Colosía de Jerez; ou os franceses Jean Michel Gerin (Domaine Jean Michel Gerin, Côte-Rotie) e Laurent Combier (Crozez-Hermitage).

Galicia emerxente

Unha das novidades deste ano é a sección ‘Galicia emerxente’, na que se lle dará espazo aos viticultores galegos que, aínda con poucas colleitas ás súas costas, están chamando moito a atención polo seu gran talento.

Nesta sección estarán presentes Manuel Moldes, da Finca A Pedreira (Rías Baixas), Jorge Pérez-Merencio (Ribeiro), Alberto Nanclares (Rías Baixas), Xurxo Alba con Albamar (Rías Baixas) e Xosé Luis Arístegui (Valdeorras).

Para poder asistir ao ‘Viñerón 2013’ hai que mercar a entrada a través da web www.institutogalegodovino.com, onde tamén se pode consultar o programa.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES