Notas de prensa

A Exposición 93 conmemora o 20º aniversario do CGAC en Compostela

O presidente da Xunta destaca durante a inauguración da mostra os 20 anos do CGAC que considera un centro de referencia galego e internacional nun vencello estable coa modernidade artística nas súas diferentes expresións.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os 20 anos do Centro Galego de Arte Contemporánea demostran que “aqueles que confiaron no vigor da nosa sociedade tiñan razón”, porque os galegos “somos quen de erguer xuntos grandes obras e de mantelas no tempo”. “Somos un país enganoso par moitos que interpretan a nosa modestia como incapacidade”, afirmou durante a inauguración esta tarde da Exposición 93 que conmemora o aniversario do CGAC.

Na súa intervención, Feijóo subliñou a “intuición providencial” dos pais do autogoberno que entenderon que o gran proxecto da Comunidade estaría incompleto “sen un vencello estable coa modernidade artística nas súas diferentes expresións”. Apuntou que a inxente actividade desenvolvida nestes 20 anos é a proba de que se cumpriu o obxectivo de facer un centro de referencia galego e internacional, e afirmou que “o mundo artístico tivo que colocar Galicia e Compostela entre os corazóns onde palpita a arte contemporánea”.

Nese sentido, referiuse a mostras como as de Gilberto Zorio ou Jeff Wall como demostracións de que “o CGAC non está na perfiria, senón no centro mesmo da creatividade”, mentres que exposicións como as de Eugenio Granell ou Fernando Casás, “lembrarán o papel protagonista dos nosos creadores”.

Así mesmo, sinalou que o Centro Galego de Arte Contemporánea satisfixo a necesidade de crear unha colección internacional e galega, pois hoxe Galicia ten depositado nesa institución un dos fondos públicos máis importantes de España.

“O Centro difunde, o Centro preserva e o Centro estuda a arte contemporánea, facendo así que estes muros levantados polo xenio de Siza Vieira, sexan hoxe unha segunda catedral”, manifestou.

Con respecto á Exposición 93, o presidente da Xunta asegurou que será “un fito máis na historia do Centro”, porque nela artistas de todo o mundo se dan a man con Francisco Leiro, Menchu Lamas, Manuel Vilariño ou Antón Lamazares “para dar fe dese intenso diálogo entre Galicia e o mundo”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES