Notas de prensa

A Xunta deseña unha estratexia con máis de 50 medidas para familias numerosas

Entre as medidas máis novidosas destacan as de carácter social, como a prioridade destas familias ao Programa Reconduce de prevención de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou, na rolda de prensa do Consello, o deseño da Estratexia de familias numerosas de Galicia que, cun total de 53 medidas e un investimento de 36,4 millóns de euros, beneficiará entre 2013 e 2016 ás 19.500 familias numerosas galegas.

Entre as medidas máis novidosas destacan as de carácter social, como a prioridade destas familias ao Programa Reconduce de prevención de risco de desafiuzamento por execución hipotecaria; e, tamén, a prioridade de acceso ao Plan de vivenda 2013-2016 de fomento do alugueiro, a rehabilitación de edificacións e a rexeneración e renovación urbanas.

Para mellorar a mobilidade, cómpre subliñar o establecemento de políticas sociais no Plan de transporte metropolitano de Galicia, con reducións das tarifas previstas do 20% nas áreas constituídas da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo e en constitución de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Así mesmo, as familias numerosas terán prioridade en 2014 na obtención da flexibilidade do horario laboral e a posibilidade de traballar desde a casa para conciliar a vida persoal, laboral e familiar; e prioridade tamén na elección do período de vacacións das mulleres xestantes e das mulleres e homes con fillos ou fillas menores de 12 anos ou maiores dependentes ao seu coidado, sempre no eido do emprego público.

A Estratexia de apoio para as familias numerosas de Galicia 2013-2016 inclúe, ademais, a exención do prezo nas escolas infantís de 0-3 anos dependentes da Xunta a partir do segundo fillo que acuda á mesma escola, sempre e cando as familias teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais. Ademais poderán beneficiarse dun incremento de ata 360 euros en 2014 na dedución fiscal por nacemento ou adopción durante os tres primeiros anos da vida de cada fillo. Esta cifra irase incrementando: 400 euros no segundo fillo no 2015; e 450 euros no terceiro fillo no 2016.

Todas estas medidas súmanse a outras xa en marcha, entre as que destacan: o recoñecemento ou asimilación á categoría de descendente do fillo concibido e non nado; o carné familiar galego, co que poden obter vantaxes ou descontos nos establecementos colaboradores con este programa (neste momento hai 1.943 entidades colaboradoras); e dedución por familia numerosa na cota íntegra do IRPF (a contía da dedución é de 250 euros para as de categoría xeral e 400 euros para as de categoría especial).

Feijóo referiuse tamén á aplicación do tipo reducido (4%) no Imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas para adquisición de vivenda habitual; ou á aplicación do tipo reducido (0,5%) no Imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na modalidade de actos xurídicos documentados para adquisición de vivenda habitual.

Preferencia para o ingreso nos centros de atención á primeira infancia; redución dun 20% por cada neno nos prezos dos centros de atención á infancia; preferencia na obtención do cheque infantil; redución do prezo nas residencias de tempo libre; e preferencia no acceso ás prazas de residencias xuvenís son outras iniciativas postas xa en marcha, e que se suman a outras como a redución de taxas de expedición de títulos non universitarios, a redución de prezos de matrícula nas ensinanzas especiais, bonificacións nos comedores escolares e bonificación do 50 por cento no canon da auga.

En definitiva, conscientes de que as familias numerosas forman parte dun colectivo exposto en maior medida ás inclemencias da crise económica, a Xunta quere manter e incrementar un conxunto de máis de 50 medidas encamiñadas a dotar as familias numerosas de maiores vantaxes para facilitarlles o día a día: con máis beneficios fiscais aos que poderán acollerse; con máis facilidades para acceder aos servizos públicos; e con descontos tamén nas actividades de lecer.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES