Notas de prensa

Adega demanda un novo plan de residuos baseado na prevención e na reciclaxe e a compostaxe

A produción de lixo en Galiza aumentou nun 23% entre 1998 e o 2003.

A proposta de Plano de Residuos Urbanos (2004-2010) presentada pola Consellaría de Medio Ambiente a penas considera a prevención, consagra como liña prioritaria a incineración do lixo e non respecta os obxectivos actuais e futuros de reciclaxe e de compostaxe fixados a nivel estatal e europeo. O aumento do 23% da xeración do lixo entre 1988 e 2003 e os baixos niveis de reciclaxe en Galiza son os principais fracasos dunha política que a Consellería de Xosé Manuel Barreiro semella querer perpetuar no esencial. ADEGA demanda cambios na proposta que sitúen a prevención do lixo e a reciclaxe e a compostaxe como as prioridades.

Segundo as estimacións da propia Consellaría de Medio Ambiente, a xeración de residuos domésticos no noso país en 2003 foi de 1.004.220 toneladas. Isto supón un incremento do 23% en relación con 1998, o que constitúe un relevante indicador de insostibilidade ecolóxica. Este dato tan negativo é o resultado da práctica ausencia de medidas dirixidas á prevención. O novo plano destina tan só un 0,5% do orzamento á prevención, o que fai moi pouco críbel o ambicioso obxectivo de redución do 1% das cantidades xeradas en 2010 a respecto do 2003. ADEGA propuxo á Consellaría que asuma o ditame proposto no seu día por unha comisión de traballo do Consello Galego de Medio Ambiente sobre redución de residuos.

Para o conxunto de Galiza estimouse unha reciclaxe en 2003 de aproximadamente o 12% da fracción de residuos de envases e outros materiais reciclábeis, lonxe do mínimo do 25% esixido por unha directiva europea do ano 1994. O dato referido ao vidro é positivo, pois atinxiuse o 38%. Porén, tan só se recuperaron un 13% dos residuos de papel, un 10% dos residuos de envases metálicos e un 5% dos residuos de plásticos e briks. Estes datos son sobre todo consecuencia de facer da incineración, agochada baixo o termo enganoso de valorización enerxética, o eixo da política autonómica de residuos.

Por primeira vez, a Xunta recoñece a compostaxe, tanto industrial como caseira, mais de forma marxinal, o que se reflite tanto no orzamento como nos obxectivos. Os obxectivos propostos xa se atinxiron grazas aos planos de Coruña e As Mariñas e do Barbanza. A Xunta segue a obstaculizar a compostaxe, por exemplo a través dunhas esixencias de calidade do compost producido alén do legal e do razoábel. Unha das medidas do futuro plano debería ser a creación de plantas comarcais de compostaxe nos concellos do ámbito SOGAMA.

A incineración con produción de electricidade segue a ser a principal prioridade do plano e, ademais do mantemento da actual incineradora, está aberta a posibilidade de construción dalgunha nova instalación de incineración, de coincineración ou de elaboración de combustíbel a partir de residuos urbanos, o que ADEGA rexeita frontalmente.

Canto á pretensión do vertido cero, ADEGA entende que se trata dun eslogan e non dun obxectivo real e factíbel. A Xunta oculta que os vertedoiros anexos á incineradora de SOGAMA reciben entre o 25 e o 30 por cento do lixo tratado (voluminosos e outros residuos e mais escoiras e cinzas da incineradora).

Adega, 2005-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.
Foto de la tercera plana (praia_mar.jpg) Galicia segue a ser un referente nacional en calidade ambiental e turística, con 137 bandeiras azuis e 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. Sanxenxo mantén a súa posición á cabeza do conxunto estatal con 17 praias, 3 portos deportivos (o Real Club Náutico Sanxenxo, o Club Náutico Portonovo e o Porto Deportivo Juan Carlos I) e 1 centro azul (o Centro de Interpretación das Telleiras), ademais de ser o concello que conta co maior número de sendeiros azuis de toda España, cun total de 8 rutas. Galicia mantense entre as tres Comunidades con máis distintivos azuis (tras a Comunidade Valenciana e Andalucía) con 137 galardóns que inclúen praias, portos e centros azuis, ademais de 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. De feito, concentra unha de cada seis bandeiras azuis concedidas este ano aos areais españois.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo. Coordinados polo catedrático Jesús Simal Gándara, investigadores e investigadoras dos grupos de Investigacións Agrarias e Alimentarias; Tecnoloxías Aeroespaciais e Historia Contemporánea I conforman a representación da UVigo en AgroSpace.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES