Notas de prensa

Victorias de Galicia recupera o papel da nosa terra na Guerra da Independencia

Esta obra, publicada por Hércules de Ediciones, foi prologada polo presidente da Xunta de Galicia e presentada na Coruña. No libro, José Fernando Navas, experto na historia militar especialmente nesta contienda, recupera o papel galego na Guerra da Independencia. Destaca a campaña dos franceses en Galicia no Norte de Portugal a principios de 1809.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na presentación de ‘Victorias de Galicia en la Guerra de la Independencia’, unha obra editada por Hércules de Ediciones que recupera o papel da nosa terra durante a contenda. A edición deste libro de José Fernando Navas Ramírez-Cruzado foi prologada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O autor, que foi director do Museo Militar da Coruña, ten centrado boa parte da súa traxectoria na divulgación da historia militar, especialmente da actuación das galegas e galegos na devandita guerra. No volume presentado hoxe, Ramírez-Cruzado salienta a campaña dos franceses en Galicia e norte de Portugal no primeiro semestre de 1809, na que en tan só 5 meses foron expulsados os mariscais Soult e Ney. Cómpre salientar o carácter ilustrativo da edición na súa parte gráfica, que recolle con todo detalle croquis e organigramas para achegar ao lector as accións do campesiñado en combates como os de Casal de Eirigo, As Galanas, e Santiago, así como na vitoria de Ponte Sampaio.

Vázquez Abad afirmou que hoxe podemos coñecer episodios transcendentais da nosa historia “grazas á entrega de persoas especialmente dotadas para sistematizar e recompilar uns datos xa afastados no tempo, para lles dar vida coa elegancia da súa prosa e coa enerxía dunhas ilustracións que nos levan a conectar cos tempos heroicos, nos que Galicia tomou un papel determinante para que Europa puidese seguir adiante como abandeirada da democracia e dos valores fundamentais do ser humano”.

O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que o libro do coronel de artillería José Navas Ramírez-Cruzado “relata con rigor histórico e amenidade literaria uns fitos importantísimos do noso pasado, no abrente da idade da que aínda mantemos a expresión”. “Esta publicación permitiranos preservar a memoria e a identidade de Galicia a través da riqueza dos moitos detalles que a conforman”, engadiu.

Ramírez-Cruzado

Entre outros traballos, José Fernando Navas Ramírez-Cruzado - coronel de Artillería retirado, diplomado de Estado Maior dos Exércitos de España e Portugal- é autor dos capítulos correspondentes á Heráldica Militar de Galicia do volume LIX da obra ‘Proyecto Galicia’ de Hércules de Ediciones. Así mesmo, colaborou na edición conmemorativa da exposición ‘1808-1814, La historia y su enseñanza; 200 años de la Guerra de la Indecencia’; e é autor do libro ‘Los ejércitos Gallegos contra Napoleón en la Guerra de la Independencia’, premio Arenas Quintela na súa cuarta edición.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES