Notas de prensa

O Coro de Cámara da Coruña homenaxea a Rosalía no Museo de Belas Artes

Un concerto o 24 de novembro no Museo de Belas Artes da Coruña será a homenaxe do Coro de Cámara da Coruña á Rosalía de Castro polo 150º aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Obras de Juan Montes, And´res Gaos e José Baldomir sobre textos rosalianos centran o programa.

O Coro de Cámara da Coruña réndelle homenaxe a Rosalía de Castro cun concerto conmemorativo dos 150 anos da publicación da obra ‘Cantares gallegos’, que se celebra o domingo 24 de novembro, ás 12:30 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con esta iniciativa, na que se interpretarán obras dos compositores Juan Montes, Andrés Gaos, José Baldomir e Javier Busto sobre textos de Rosalía de Castro, así como pezas baseadas na obra de poetas galegos como Celso Emilio Ferreiro e Curros Enríquez, e sobre textos de cantigas tradicionais. As voces do coro, cos solistas Raquel Rodríguez e Francisco Javier Prego, estarán acompañadas ao piano por Julián Jesús Pérez, director do coro.

Catro pezas para voz e piano de Juan Montes (“Negra sombra” e “Doce sono”), Andrés Gaos (“Rosa de abril”) e José Baldomir (Maio longo) centrarán a primeira parte do concerto, que rematará cunha obra coral, “Rosalía de Castro: un poema”, que o compositor Javier Busto lle dedicou en 2010 ao Coro de Cámara da Coruña. A segunda parte comeza con tres cantigas de salón para voz e piano: “Os teus ollos”, de José Castro ‘Chané’; “Meus amores”, de José Baldomir; e “Soedades”, de Marcial de Adalid.

A música coral é a protagonista das pezas que completan o programa. Entre elas inclúense a obra “Prende, salgueiriño, prende”, composta por Emilio Lede sobre texto tradicional; unha suite coral baseada en cantigas tradicionais, harmonizada por Agustín Bertomeu; e dúas cantigas creadas a partir de textos poéticos de Celso Emilio Ferreiro, “María Soliña” e “Unha vez”, compostas por Antonio Paz Valverde, director e fundador da Coral Polifónica do Porriño, e por Julián Jesús Pérez, respectivamente.

Difusión da obra de Rosalía a través da música

A colaboración da Secretaría Xeral de Cultura con este concerto enmárcase na completa programación de actividades que a Xunta de Galicia vén impulsando durante 2013 a prol do estudo e da difusión de ‘Cantares gallegos’, con motivo do 150.º aniversario da súa publicación, entre as que se inclúen diversas iniciativas arredor da música.

Este ano, a Consellería de Cultura e Educación promoveu unha selección discográfica baixo o título ‘Rosalía en vinte edicións discográficas’. Esta escolma realizada polo profesor Xaime Estévez Vila, e que está accesible en cultura.xunta.es, recolle unha mostra da creatividade musical dedicada á obra de Rosalía de Castro e tamén á súa figura, que se completa con información de interese sobre as diferentes edicións discográficas e sobre a difusión da obra da escritora a través da música.

A Consellería tamén apoiou o libro-disco ‘Cantares gallegos. Músicas para o 150.º aniversario da súa publicación’, un proxecto no que o tenor Joaquín Pixán e o pianista Alejandro Zabala recuperan poemas rosalianos musicados por recoñecidos compositores, como García Abril, Gaos e Octavio Vázquez e que foi presentado en concerto no Centro Galego de Arte Contemporánea o pasado mes de outubro.

Nesta mesma liña, o goberno galego tamén colaborou co Consello da Cultura Galega na iniciativa ‘No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía’, que reuniu no mes de xuño un coro de 400 alumnos e alumnas dos conservatorios e das escolas de música de toda Galicia para cantar os versos de Rosalía de Castro na igrexa de San Domingos de Bonaval.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260622-xunta.JPG) O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, subliñou esta mañá en Santiago o potencial da Comunidade galega no emprego da madeira no eido da construción gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas declaracións no marco da inauguración da xornada sobre o proxecto europeo de construción sustentable Life timber for all.
Foto de la tercera plana (doazon-sangue-bus.jpg) Galicia situouse en 2025 como a terceira comunidade autónoma en taxa de doazón de España, cun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Segundo os datos que o Ministerio de Sanidade fixo públicos, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, as campañas de doazón desenvolvidas pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) permitiron situar Galicia nos primeiros postos, ao rexistrar 39 doazóns por cada 1.000 habitantes, sendo soamente superada por Estremadura (47/1.000) e Castela León (45/1.000).

Notas

A Deputación da Coruña entregou no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, os Premios do Plan de Emprego Local (PEL) 2026, os galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia.
O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) acaba de adherirse como membro asociado ao proxecto Ebrains, unha iniciativa europea que ten como obxectivo fomentar a investigación relacionada co cerebro e axudar a transferir os resultados obtidos no laboratorio á industria, en beneficio dos pacientes e a sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES