Notas de prensa

José Ramón Ónega, presidente de honra do Centro Galego de Madrid

Nun acto celebrado na entidade ao que asistiron, entre outros moitos, a ministra Ana Pastor e o presidente do Consello de Estado, Romay Beccaría.

O delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, foi nomeado Presidente de Honra do centenario Centro Galego de Madrid, distinción que recibiu de mans do presidente do Centro, Fernando de Castro López-Vilarino. O acto tivo lugar no transcurso dunha cea celebrada nas instalacións da entidade á que asistiron, entre outros moitos, a ministra de Fomento, Ana Pastor, o presidente do Consello de Estado, Romay Beccaría, o maxistrado do Tribunal Supremo Ramón Trillo, o letrado maior do Consello de Estado, Leopoldo Calvo Sotelo, e o xornalista Fernando Ónega, ademais de maxistrados, políticos, catedráticos, representantes das principais entidades galegas en Madrid e familiares e amigos do homenaxeado. Tamén se citaron adhesións de, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o exministro César Antonio Molina, o exalcalde de Madrid José María Álvarez del Manzano, o político Jorge Moragas, e os parlamentarios José Manuel Barreiro, José Blanco López e José Luis Rivera López.

Ana Pastor resaltou o cariño e aprecio que sente por Ónega, con quen traballou en Interior, ao que se referiu como "un grande home e un bo amigo", de "prestixio profesional e larga e frutífera traxectoria" e do que dixo ter aprendido "que o entusiasmo e a dedicación son cousas importantes na vida". Tamén Fernando de Castro destacou, sobre todo, a súa amizade e colaboración co Centro Galego.

Como resaltou Ónega no seu discurso de agradecemento, este nomeamento "leva consigo unha cantidade infinita de afecto e un mundo entrañable de amizade". Un discurso no que fixo un acendido eloxio da galeguidade, con referencia expresa aos emigrantes, de cuxo "espírito de axuda e necesidade de apoio nacería este Centro Galego de Madrid fundado no ano 1892". "Ou sexa, que estamos a falar de 121 anos de antigüidade, de auxilio e axuda, de esforzo e solidariedade", subliñou, glosando un pouco a historia do Centro Galego e resaltando do mesmo que foi "sempre un lugar de encontro, repouso, morriña e espazo de cultural, irmandade e axuda aos galegos que remediaban aquí a morriña, combatían en ansia do retorno e soñaban o paraíso perdido".

Así mesmo fixo referencia expresa ao peso específico que na actualidade ten a galeguidade en Madrid, citando a presenza de importante galegos nos organismos oficiais e na Igrexa e aos centros e asociacións profesionais que constituíu, cuxos principais representantes se achaban no acto.

Un acto que estivo cargado de sorpresas para Ónega. Foi conducido polo locutor Elías Rodríguez, que o abriu lendo unha emotiva carta de Gonzalo Ónega, fillo do homenaxeado, cuxas obrigas como maxistrado-xuíz en Málaga lle impediron asistir á homenaxe, e o pechou dando paso á lectura doutra carta que lle dirixiron as súas netas, Esther e Alejandra, pero esta vez realizada por elas mesmas que, excepcionalmente, romperon os seus horarios para ser a sorpresa final de tan excepcional noite. Misivas ambas as dúas que emocionaron a Ónega e a súa muller, María Esther Coladas, que o acompañou.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES