
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou o III Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que reúne no Gaiás aos responsables dos mellores e máis prestixiosos festivais artísticos.
Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia deste encontro que xuntará aos programadores culturais máis relevantes para dialogar e cuestionar o alcance e a capacidade transformadora dos festivais sobre a poboación e a propia cidade. Vázquez Abad convidou aos participantes neste foro a reflexionar sobre como dinamizar e programar unha cultura participativa, integradora, cosmopolita e inspiradora, e así, conseguir que os festivais artísticos sexan elementos renovadores e rexeneradores, cos que se recupera o sentido de convivencia e creatividade que a rúa e os espazos públicos xeran.
Baixo o título A revolución dos festivais artísticos, este III FIEC analizará o impacto que están a ter os grandes festivais artísticos no panorama cultural e o fará da man dalgúns dos directores de festivais máis prestixiosos do mundo: Sir Jonathan Mills, director do Festival Internacional de Edimburgo; Hortense Archambault, co-directora do Festival de Aviñón; David Binder, recoñecido produtor de espectáculos de Broadway; Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín, director de La Mar de Músicas ou María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest.
Con este III FIEC, a Cidade da Cultura busca promover en Galicia un debate ao redor do impacto dos festivais tanto na vida cultural, como a súa capacidade para transformar pequenas vilas en espazos de creación e tamén o seu importante impacto económico. Os modelos de xestión en momentos de crise económica, a evolución dos gustos e as audiencias ou a transformación que sofren as cidades ou vilas que acollen os festivais serán algúns dos temas que abordarán os expertos convidados.
Baixo a óptica galega
Xunto a eles, Cultura e Educación dálle voz aos responsables de festivais galegos, programadores e responsables de organismos da nosa comunidade como Andrés Lacasa, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; María Solar Núñez, xornalista da CRTVG; Julio Gómez, director do Festival Sinsal Audio; e Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego.
O Gaiás convértese así nunha ponte para incorporar ao noso tecido cultural as novas tendencias da escena internacional ao tempo que contribúe a divulgar a nosa cultura no exterior, favorecendo o intercambio e o establecemento de sinerxías.
O FIEC chega a súa terceira edición tras abordar o futuro das infraestruturas culturais no 2011 e a relación destas coas novas tecnoloxías no 2012, e convocar a profesionais de institucións como o MoMA, a Tate Gallery, o British Museum, o Lincoln Center, o Smithsonian, o Barbican Centre ou o IRCAM Pompidou.
Apertura co produtor David Binder
Tras o saúdo do conselleiro de Cultura e Educación, a conferencia inaugural correu a cargo de David Binder, catro veces nominado aos premios Tony e produtor de espectáculos en Broadway e eventos especiais con artistas de talla de David Bowie, Jane Fonda, Ewan McGregor, Arcade Fire, Laurie Anderson, ou Sean Puffy Combs. Co mesmo título do FIEC, A revolución dos festivais artísticos, Binder amosou a nova cara dos festivais nos que se racha a fronteira entre o intérprete e a audiencia, e contribúen ás cidades a expresarse.
A primeira xornada completarase con María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest que abordará a historia dun festival de ideas, que integra o local co internacional. Ademais de desvelar o segredo deste orixinal evento que tivo a súa orixe na pequena localidade galesa de Hay-On-Wye vila con 1.500 veciños e 41 librerías- e que, debido ao seu contundente e rápido éxito, foi exportado a países como Brasil, Italia, México, Colonia ou España, Cremaschi abordará un tema delicado: o do financiamento.
O Hay Festival de Segovia é organizado por unha fundación privada que cada ano debe buscar patrocinios e socios estratéxicos, públicos e privados, para realizar a súa misión. Fronte a esta realidade, o director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, Jesús Cimarro, apostará pola xestión mixta como o modelo a seguir.
Os decanos dos festivais: Edimburgo e Aviñón
A xornada do sábado arrancará ás 10:30 horas coa responsable dun dos festivais decanos: Hortense Archambault, codirectora do festival de Aviñón. Archambault profundará tamén na esencia deste festival, adentrándose en temas fundamentais como a relación entre a creatividade artística e a amplificación de audiencias, o cuestionamento sobre o popular e o rexistro local dun territorio e a súa apertura ao mundo.
O teatro español estará ben representado polo director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, Jesús Cimarro, que abordará o financiamento dos festivais e apostará pola xestión mixta como o modelo a seguir.
Este tipo de eventos inciden directamente sobre o territorio que os acolle. Así o explicará pola tarde Francisco Martín, director de La Mar de Música, festival que se celebra en Cartaxena e que se ten transformado nos últimos anos nun dos eventos con maior transcendencia internacional do noso territorio, convertendo coa súa programación musical e as súas actividades paralelas a cidade murciana nun foco de diversidade cultural.
A conferencia de clausura, este III FIEC contará coa presenza de Sir Jonathan Mills, director e xefe executivo do Festival Internacional de Edimburgo desde 2006, que lle ofrecerá ao auditorio un percorrido único ao que se considera o buque insignia de Escocia. Entre os seus cargos anteriores inclúen o de Director Artístico do Festival Internacional de Artes de Melbourne, ou a organización do Festival Bienal Internacional de Música de Brisbane.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.