Notas de prensa

O Goberno galego pagará o complemento das pensións non contributivas

O presidente da Xunta dixo que pagará o complemento das pensións non contributivas -206 euros- por quinto ano consecutivo e en plena crise económica, nun compromiso do Goberno galego con quen máis o precisa, e a pesar de que a taxa de pobreza galega é 3 puntos inferior á española.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta pagará o complemento das pensións non contributivas -206 euros- por quinto ano consecutivo e en plena crise económica; “o dobre –subliñou - que na comunidade autónoma de Andalucía e máis que ningunha comunidade de España”.

En resposta a unha pregunta de AGE, Feijóo destacou o compromiso do Executivo autonómico cos que máis o precisan, incrementándose desde 2009 un 54 % os que cobran a renda de integración social en Galicia e cun aumento dun 75 % no presuposto da Xunta para a RISGA.

A pesar de que a taxa de pobreza en Galicia está 3 puntos por debaixo da media de España (21,8% en España fronte ao 18,8% en Galicia); Feijóo recoñeceu que o Goberno galego non está satisfeito con esta cifra e adiantou a elaboración, por primeira vez en Galicia, dunha estatística para avaliar a pobreza e as dificultades dos rapaces; “un estudo da pobreza infantil que presentaremos á Cámara no primeiro semestre de 2014”.

O responsable autonómico salientou, ademais que segundo os datos da Rede Europea contra a pobreza e a exclusión social, no ano 2011, Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que, en crise económica, non incrementou a pobreza.

Así mesmo, e en relación á emigración, o presidente da Xunta salientou que os datos do INE acreditan, tamén, que Galicia é unha das comunidades onde menos mozos emigran en relación coa media de España. Máis polo miúdo, precisou que segundo o INE os fluxos migratorios estimados, no ano 2012, sitúan Galicia como unha comunidade na que baixa o número de mozos que emigra, tanto se se computan os que emigran a outras comunidades como os que se van fóra de España, sendo a media de España do 3,86 fronte a un 2,10 de Galicia.

Feijóo referiuse tamén á dificultade estrutural da comunidade en relación coa natalidade e, neste sentido, lamentou a falla de apoio da oposición en relación ao Plan de dinamización demográfica de Galicia; “o único plan que existe –dixo-, aprobado por este goberno e que conta con 70 propostas”.

Nesta mesma liña, lembrou que a pesar da crise, a Xunta incrementou un 20% a dedución por nacemento; duplicou o límite máximo de dedución por coidado de fillos e levará a cabo novas medidas como a exención do pagamento en escolas infantís públicas para as familias con menos de 30.000 euros a partir do segundo fillo.

Por outra banda, e en resposta a unha pregunta do BNG sobre a situación de Novagalicia Banco; Feijóo lamentou a falla de proposta do Bloque Nacionalista galego de cara a establecer unha estratexia de país e reiterou que o Goberno galego, pola súa banda, seguirá a traballar por manter unha entidade financeira con sede en Galicia.

“Neste momento hai unha entidade financeira que ten unha inxección económica de fondos europeos e eses fondos obrigan a tres condicións: todas as entidades financeiras españolas que se reestruturaron e recapitalizaron con fondos europeos teñen que devolverse ao mercado financeiro; ten que facerse antes de finalizar o ano 2016; e, de non facerse hai que liquidalas”, lembrou, logo de insistir na prioridade de traballar para que os servizos centrais queden en Galicia.

No eido económico, Feijóo confirmou que o presuposto do ano 2014 ten dous obxectivos fundamentais: abandonar o lustro de recesión económica e iniciar unha senda de crecemento da economía; e que 2014 sexa un ano no que se deixe de destruír emprego. Como proba disto, lembrou que no ano 2012 Galicia foi a segunda comunidade autónoma na que menos descendeu a economía.

Por último, e no tocante á pregunta do PSdeG sobre o modelo de Sogama, Feijóo salientou que Galicia leva hoxe ao vertedoiro un 50% menos de lixo que no 2008, “a metade do que vostedes levaban”, dixo en alusión ao Bipartito. E lembrou que, pola contra, o modelo coruñés de tratamento de residuos –Nostián- é un 30% máis caro que no resto de Galicia.

Feijóo concluíu a súa intervención afirmando que a taxa máis grande que están pagando os galegos e os españois foi o paso do Partido socialista polo Goberno de España e polo Goberno de Galicia: “A taxa máis grande que estamos pagando todos, os galegos e os españois, foi a súa lixeireza durante os 8 anos de goberno en Madrid e os catro en Galicia. Todos pagamos a taxa do seu paso polo Goberno: pagamos 15.000 millóns de euros do Plan E; 6.000 millóns de euros da diminución de 400 euros ás rendas altas no imposto da Renda; 2.500 millóns do cheque bebé; e pagamos 30.000 millóns de euros de déficit oculto”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES