Notas de prensa

Preséntase en Madrid o poemario Silencio habitado, de Olga Patiño

A obra foi prologada por Luz Pozo Garza e no acto interviñeron os escritores Milagros Frías, Miguel Losada, Antonino Nieto e o editor Basilio Rodríguez Cañada.

A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu a presentación do poemario "SILENCIO HABITADO", da poeta, actriz directora de teatro e profesora, Olga Patiño Nogueira, prologado por Luz Pozo Garza e publicado por Pigmalión Ediciones. No acto, cuxa presentación foi realizada polo coordinador de Actividades, Ramón Jiménez, interviñeron, ademais da autora, a escritora e xornalista, Milagros Frías; o crítico literario e escritor, Miguel Losada; o poeta, escritor e artista, Antonino Nieto e o presidente do grupo editorial Sial Pigmalión, Basilio Rodríguez Cañada.

Ramón Jiménez foi o encargado de realizar as presentacións, dando paso en primeiro lugar a Basilio Rodríguez Cañada quen sinalou que "os autores galegos, de todos os xéneros, están a copar o catálogo da editorial. A este paso imos ter que abrir oficina en Galicia", dixo. Ademais agradeceu o traballo de Jiménez, "tamén escritor, que publica baixo o noso selo e que traballa de forma incansable para darnos visibilidade". De Olga Patiño resaltou Basilio o seu "prestixio como profesora, como autora, persoa detallista e minuciosa onde as haxa". E recordou que os libros, unha vez imprimidos xa non pertencen ao autor, que con frecuencia intenta aferrarse ao manuscrito sobre o que si poden aínda cambiar algo.

En segundo lugar tomou a palabra Milagros Frías, quen hai uns días presentou na Casa a súa obra "Amor en un campo de minas". Milagros comentou que "aínda que hai pouco que coñezo a Olga, fíxome sentir que pertenzo á súa tribo e faise querer como ninguén". Frías expuxo as sensacións que lle produciu a lectura de "Silencio habitado" e destacou "a beleza da linguaxe que posúe e que irradia a obra".

Miguel Losada dixo que cando le a Olga, “confírmame que Galicia é diferente, cunha tradición anterior ás cancións de amigo" e que tomando o libro, “se abra por onde se abra, sábese que é unha autora galega". Para Losada, Olga escribe para volver á súa casa, á súa infancia e sentir os abrazos de entón, pero tamén para soñar o futuro e imaxinar a luz ou o amor".

Pola súa banda, Antonino Nieto puxo voz e sentimento a reflexións propias e algúns poemas de diferentes partes de "Silencio habitado". “Escoitalos na súa voz, parécenme moi bos. Non me parece que sexan meus", dixo a autora, que estaba moi contenta e emocionada, e contou que anos atrás soñaba con vir a Madrid para ser actriz. Na súa vida cruzáronse determinadas circunstancias como o amor ou o feito de ser filla única, que non lle permitiron cumprilo. "Trinta anos despois estou aquí a presentar esta criatura acabada de nacer e comprenderán que para min é moi emocionante". Olga explicou que os poemas a "a súa tribo" son un intento de dar voz a aquelas mulleres que a precederon que non a tiveron porque a prepotencia do ámbito as calara. Ademais de ler algúns dos seus poemas, non quixo rematar sen recitar un de Rosalía como homenaxe á muller, no 150 aniversario de Cantares.

Todos os intervenientes coincidiron en destacar a portada de "Silencio habitado" realizada cunha ilustración do artista Juan Carlos Mestre.
O acto finalizou coa interpretación de varias cancións do músico cubano Orlís Pineda, quen coa súa guitarra e a súa voz deixou no ambiente a sonoridade das súas creacións, "inspiradas cen por cento en feitos reais".

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES