Notas de prensa

O Camiño de Santiago, presente na Universidade de Hankuk, en Corea

A acción promocional da Ruta Xacobea completouse dunha degustación de viños e produtos gastronómicos galegos con denominación de orixe, e cun encontro coa escritora coreana Kim Hyu Sun, autora de tres libros sobre o Camiño.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Seúl unha conferencia sobre o Camiño de Santiago no International Conference Hall da Universidade de Hankuk. Turismo de Galicia desenvolve estes días na capital coreana unha serie de accións promocionais sobre o destino así como reunións de traballo con diferentes representantes e responsables políticos e diplomáticos.

Dentro do grupo de actividades incluídas nesta promoción a directora de Turismo de Galicia realizou hoxe en Seúl esta presentación dirixida a alumnos desta universidade que cursan estudos estranxeiros. A conferencia tivo como tema central o Camiño de Santiago e o destino Galicia. De modo que, Nava Castro, incidiu especialmente nos aspectos culturais e patrimoniais vinculados ás Rutas Xacobeas. De igual modo, a natureza e a paisaxe como grandes reclamos do destino Galicia centraron boa parte da intervención da directora. Ademais de abordar aspectos fundamentais de Galicia como destino turístico, como a súa potencialidade termal, a relación coa auga como elemento endóxeno de aproveitamento turístico; a enogastronomía ou os Patrimonios da Humanidade declarados pola UNESCO que se poden visitar en Galicia, a directora de Turismo de Galicia afondou en aspectos vinculados coas Rutas Xacobeas e co fenómeno das peregrinacións.

Nava Castro fixo un percorrido polos diferentes itinerarios históricos así como polo patrimonio vinculado a eles e polo significado de intercambio cultural da civilización europea que ten o Camiño de Santiago.

As infraestruturas e a rede de servizos da Ruta, así como a oferta vinculada a ela existente en Galicia; ou os produtos turísticos que xurdiron arredor do Camiño –como o Bono Iacobus que combina gastronomía, Camiño e turismo rural en Galicia- foron algúns dos aspectos abordados pola directora de Turismo de Galicia na súa intervención. Ao tempo, Nava Castro incidiu no feito de que Galicia acolle dende mediados deste ano os actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

O Camiño de Santiago xa ten formado parte da World Trail Conference que se celebra anualmente na illa coreana de Jeju. Xunto coa directora de Turismo de Galicia tamén fixeron relatorios sobre Santiago e o Camiño o director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro; o vicerreitor de Relacións Exteriores da Universidade de Santiago, Victor Millet; e a xerente da Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, que abordou o tema do Camiño de Santiago como espazo de aprendizaxe universitario. No encontro estivo presente tamén o vicerreitor da Universidade de Hankuk Seongha Rhee, e mais o embaixador de Colombia en Corea, Jaime Alberto Cabal Sanclemente.

De igual modo, ofreceuse unha degustación de viños das Denominacións de Orixe de Galicia e de produtos gastronómicos galegos con venda en Corea.

Reunión con representantes da Embaixada de España en Corea
A estadía en Seúl da delegación de Turismo de Galicia incluíu tamén un encontro con Jorge Mijangos Blanco, secretario da Embaixada encargado de Asuntos Consulares e Culturais da Embaixada de España na República de Corea. No encontro abordaron diversos aspectos relacionados coa promoción de Galicia no país asiático e co gran auxe que o Camiño de Santiago está a experimentar en Corea, que xa é o país de Asia que máis peregrinos achega a Santiago de Compostela.

Encontro coa escritora coreana Kim Hyu Sun

A escritora surcoreana Kim Hyu Sun é unha grande coñecedora da Ruta Xacobea e ten levado a cabo estudos exhaustivos sobre algunhas das rutas. Hoxe a directora de Turismo de Galicia e mais a escritora reuníronse en Seúl.

As publicacións sobre os Camiños de Santiago de Kim Hyu Sun alcanzaron gran repercusión no país e a elas débese, en gran parte, o incremento exponencial de peregrinos surcoreanos a Santiago de Compostela. No que vai de ano, percorreron algunha das rutas xacobeas un total de 2.485 peregrinos procedentes de Corea do Sur, isto implica un incremento do 6,5% na cifra de peregrinos a respecto dos que chegaron no mesmo período do ano pasado. Corea ocupa o posto número 13 no ranking de países que máis peregrinos aportan e o primeiro lugar no caso dos países asiáticos. Un de cada cen peregrinos que chegan a Compostela é coreano.

Kim Hyu Sun describiu nas súas obras a peregrinación polos Camiños Francés, Portugués e Vía da Prata e tamén ten escrito varios artigos periodísticos centrados no fenómeno da peregrinación xacobea. A espiritualidade e o feito de poder descubrir paisaxes diferentes a cada paso son algúns dos atractivos máis valorados polos peregrinos procedentes de Corea do Sur. A percepción do Camiño como espazo multicultural e o feito de que implique unha superación persoal son aspectos que a autora destaca nas súas obras.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (lobo-galicia.jpg) A Xunta de Galicia e os gobernos doutras 12 comunidades e cidades autónomas —Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Valencia, Ceuta e Melilla— acaban de dirixirse ao Executivo central para exixirlle que lles envíe “no prazo máis breve posible” o informe preliminar sobre a situación do lobo en España, paso previo e imprescindible para poder sometelo á aprobación por parte das comunidades antes da súa remisión á Comisión Europea.
Foto de la tercera plana (hotel-mondariz.jpg) A comunidade galega vén de alcanzar un novo máximo histórico nos indicadores turísticos ao rexistrar o pasado mes de maio un total de 920.795 noites nos establecementos hoteleiros de Galicia, situándose por primeira vez na serie por riba das 900.000 noites neste mes. Así o recolle os datos feitos públicos polo INE e que reflicten un incremento do 2,3% en demanda turística e do 4,2% en viaxeiros aloxados nestes establecementos en maio ao contabilizar 567.097 visitantes. En canto ao mercados, destaca sobre todo o internacional que, rexistrando 382.000 noites, representa o 41% do total da demanda hoteleira, mentres que o 51% restante repártese no 39% procedente doutras comunidades autónomas e o 19% dos residentes en Galicia.

Notas

O investigador da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.
A Universidade da Coruña foi sede hoxe da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia. Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES