Notas de prensa

A Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3, folla de ruta para a innovación

Consolidar a innovación como ferramenta de todos os sectores da economía é o principal obxectivo da Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3 que pretende mudar os síntomas positivos que están a xurdir nos cimentos dunha nova economía competitiva e sustentable.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o Goberno galego puxo xa en marcha a estratexia para facer dos incipientes síntomas positivos que asoman na economía os cimentos dun modelo económico “máis competitivo e sustentable”. Lembrou que, por primeira vez desde hai anos, Galicia manexa a previsión de que en 2014 será capaz de medrar e de reducir o paro, e indicou que o obxectivo do Executivo autonómico é “traducir eses datos nun crecemento que chegue a todos, que sexa solidario cos máis débiles, e que sexa, ademais, resistente a posibles turbulencias”.

Na clausura do encontro que o Consello Empresarial para a Competitividade celebrou hoxe en Santiago, o mandatario galego afirmou que a Xunta pon no centro do seu foco as empresas e os emprendedores, posto que son axentes de creación de riqueza e de emprego. A eles se dirixe, indicou, un conxunto de políticas destinado a “derribar as barreiras burocráticas, a fomentar a saída ao exterior dos negocios e a atraer a Galicia novos investimentos”.

Nese marco situou a Lei do Emprendemento e da Economía Competitiva de Galicia, que elimina barreiras burocráticas e permite abrir un negocio en 24 horas, e establece, ademais, catro rebaixas fiscais para aqueles que decidan facer realidade un proxecto empresarial ou ampliar o que xa teñen.

O presidente autonómico destacou, así mesmo, o empeño da Xunta por fomentar a internacionalización empresarial con programas de apoio que abarcan desde o primeiro diagnóstico e os avais ata o asesoramento sobre o terreo. Segundo subliñou, esta aposta está a dar froitos, e o volume das exportacións medrou máis dun 10% no que vai de ano e supuxo un 37% do PIB de Galicia, o que sitúa a Comunidade a catro puntos de Alemaña.
Competitividade inherente a todos os sectores.

Xunto con isto, Alberto Núñez Feijóo resaltou a necesidade de desenvolver a competitividade da economía como un “vector transversal“ e afirmou que aí xurde a Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3 como “a folla de ruta para consolidar a innovación como ferramenta inherente a todos os sectores da economía”.

Destacou que este documento, aprobado polo Goberno galego a pasada semana, responde en parte ás exixencias da Unión Europea para que Galicia obteña 2.700 millóns de euros de fondos estruturais, pero, sobre todo “contén as claves que marcarán o noso futuro innovador”.

Trátase, explicou, de mobilizar 1.600 millóns de euros ata 2020 en innovación, eficiencia enerxética e competitividade das pemes, “reforzando os nosos sectores estratéxicos e impulsando outros que deberían selo, como a nanotecnoloxía ou a aeronáutica”. Na súa intervención, o titular da Xunta expresou a vontade do Executivo de facer da galega “unha economía aberta”, o que o levará a concentrar esforzos o próximo ano na captación de investimentos.

Sinalou que a Autonomía ten capacidade suficiente para converterse na plataforma loxística do sur de Europa e, por ese motivo, avanzou que se activará un programa de medidas que permitirá mobilizar 150 millóns en grandes investimentos, na activación dun novo fondo de capital risco, en préstamos, avais, e na posta en valor do solo industrial.

O aval da responsabilidade

Alberto Núñez Feijóo puxo en valor a traxectoria de responsabilidade que avala o Goberno galego, o principio que lle levou a anticiparse no cambio de rumbo da política económica e que fai posible hoxe que a nosa Comunidade estea “nunha mellor posición que o resto das autonomías para iniciar a senda do crecemento”.

Salientou o esforzo realizado pola Xunta para dotar de solvencia as contas públicas e subliñou que o resultado é que hoxe Galicia cumpre cos obxectivos de déficit; que está entre as comunidades que menos aumentaron a débeda pública e agora incluso a reduce; que é das poucas con capacidade para cofinanciar programas estatais e europeos de innovación; que é a única que non se viu obrigada a acudir a ningún dos mecanismos de financiamento e liquidez do Goberno central; e que, grazas a esa estabilidade financeira, pode manter e mellorar os seus servizos públicos.

“Cremos que estamos no bo camiño e así nolo mostran os indicadores”, afirmou o mandatario galego, quen sinalou que as exportacións, a evolución do PIB, a confianza empresarial, o índice de produción industrial e mesmo a porcentaxe de desempregados “manteñen un diferencial positivo con respecto ao conxunto do Estado”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES