Notas de prensa

Culturgal 2013, encontro para a promoción das industrias e dos produtos culturais galegos

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle o evento do 29 de novembro ao 1 de decembro con espazos diferenciados para a música e o cine como principais novidades. Corresponsabilidades é o lema de 2013 que pretende impulsar a relación dos profesionais do sector e potenciar o consumo de bens e servizos culturais producidos en Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a nova edición de Culturgal, a feira das industrias culturais que se desenvolve do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra como cita de referencia para o intercambio entre os profesionais dos distintos ámbitos culturais e para a promoción dos seus produtos cara ao consumo por parte do público.

A redistribución de espazos no recinto, unha carpa exterior para a música ao vivo e un cine con capacidade para cincuenta persoas son algunhas das principais novidades da actual edición, que combinará o calendario feiral de presentacións profesionais coa expositiva a través da instalación dun total de 70 stands e cunha variada programación artística para todos os públicos cifrada en 125 actividades. Ademais, apelando ao concepto de ‘corresponsabilidade’ enunciado polos organizadores como premisa fundamental, Culturgal 2013 proporá por vez primeira o pagamento voluntario por parte do público xeral que poderá acceder ao recinto nun horario ininterrompido durante toda a xornada nos tres días de celebración.

O evento que organiza cada ano a Asociación Culturgal, integrada pola maioría de colectivos dos sectores editorial, musical, escénico, audiovisual e de novas tecnoloxías, foi presentando hoxe en Pontevedra nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. En representación da directiva de Culturgal interveu Víctor López, presidente de Eganet (Asociación de Empresas Galegas de Novas Tecnoloxías), e o coordinador da feira, Xosé Aldea, quen avanzou as principais liñas xerais de deseño e novidades canto a programación de Culturgal 2013.

Apoio ás dúas vertentes de Culturgal

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor as dúas vertentes que converxen en Culturgal. Por unha banda, fixo referencia ao carácter profesional da feira, na que unha parte representativa dos axentes das industrias culturais galegas, así como destacados creadores e artistas emerxentes, presentan os seus proxectos e expoñen os seus modelos de negocio. Por outra banda, incidiu na compoñente de consumo cultural e na participación do público, que atopa na feira as propostas máis recentes de produtos e servizos culturais, no marco dunha ampla programación de actividades.

Anxo Lorenzo destacou tamén a importancia que ten para a cidadanía a posibilidade de achegarse directamente aos produtos e os produtores da cultura, así como o funcionamento como elemento tractor” que para o consumo xoga Culturgal neste sentido.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, expuxo que Culturgal interactúa neste momento cun dos sectores de produción máis estratéxicos en Galicia, cun importante potencial, tanto en termos económicos, como de emprego e de xeración de valor engadido. Explicou que, deste xeito, vén sumarse a outras iniciativas que inciden na promoción do consumo dos produtos culturais promovidas ou participadas pola Consellería de Cultura, como son a mostra Galicia Escena Pro (que estes días ten lugar en Santiago centrada na compra-venda de espectáculos) ou o mercado MicAtlántica (que terá lugar do 23 ao 26 de novembro en Santiago, con Galicia como escenario para o negocio cultural con América Latina e Portugal). “Todas estas citas –engadiu- empezan a trazar un plano de convocatorias culturais, aínda que cada unha coa súas especiais características e obxectivos, pero cun carácter común de transacción comercial cada vez máis marcado”.

Programa por espazos

A programación artística que foi definida polas asociacións e empresas de Culturgal, deixando tamén un oco importante para as propostas emerxentes non vinculadas á industria. Os espazos da feira, sen renunciar á idea da casa común da cultura que funcionou en anteriores edicións, simplifican desta volta os seus nomes: Espazo libro, Espazo carpa, Espazo infantil, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema son as novas denominacións. O público accederá desde a feira a unha carpa exterior, que evitará interferencias acústicas entre escenarios no recinto, e créase un cine para exhibir nas mellores condicións de recepción as propostas audiovisuais.

Canto á programación concreta por sectores, as principais editoriais galegas presentarán as súas novidades en Culturgal, como son, por exemplo, os proxectos da ‘Revista Luzes’, con Manuel Rivas; a publicación ‘Oink’, dirixida ao público infantil, ou a presenza dos últimos escritores premiados no país.

No tocante á música, a carpa exterior acollerá as estreas dos novos discos de Caxade e Mónica de Nut, entre outros, e a presentación en exclusiva o sábado 30 de novembro do disco Galiza de Kepa Junkera no Auditorio do Pazo da Cultura, rodeado de músicos galegos colaboradores no traballo.

O Espazo cinema terá unha especial dedicación aos novos formatos cun maratón de webseries o sábado pola tarde e, de novo, o Espazo infantil será un dos máis dinámicos, con actividades concertadas cos centros educativos.

Culturgal espallarase tamén pola cidade de Pontevedra con actividades noutros espazos culturais, como o concerto de 25 anos de Zënzar na Sala Karma o venres 29 ou o concerto para 111 bicicletas promovido polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) o domingo pola mañá, no que os ciclistas coas súas buguinas serán os intérpretes da obra.

Outra das iniciativas postas en marcha é a creación do Premio do Público Culturgal, a través do que os espectadores reforzan a súa relevancia no desenvolvemento da feira distinguindo outras accións novidosas, con proxección de futuro, transversais ou asociativas e que se relacionen directamente coa sociedade e fomenten a súa implicación. É o público quen vota a través da web www.culturgal.com a tres candidaturas finalistas: a Asociación puntoGAL, o Festival de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES