Notas de prensa

Os cinemas galego, polaco e portugués, na programación do CGAI ata finais de 2013

O Centro Galego de Artes da Imaxe ofrece un ciclo sobre o novo cine polaco que está a vivir unha puxanza con directores como Smarzowski, Król ou Kidawa-Blónski. A sección Off Galicia presenta 6 novos filmes e o cine portugués protagoniza outras dez xornadas.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece ata finais de ano unha nova carteleira bimensual na que destacan senllos ciclos dedicados á actualidade cinematográfica de Polonia e de Portugal, ademais da presentación dos últimos traballos de novos creadores galegos a través das seccións Off Galicia e Desencadres. En total, a sala coruñesa do CGAI acollerá durante estes dous meses 56 sesións audiovisuais en 35 xornadas de programación que se estenden ata o 21 de decembro.

O mércores 6 de novembro dá comezo o ciclo dedicado ao novo cinema polaco coas proxeccións de ‘Rosa’ de Wojciech Smarzowski e ‘Indeleble’ de Jacek Borcuch, dous dos expoñentes do período de puxanza que está a vivir a produción audiovisual dese país tanto desde o punto de vista do número de espectadores como da súa destacada presenza en festivais internacionais. Organizada en colaboración co Instituto Polaco de Cultura, esta sección prolóngase ata o día 15 de novembro coas fitas ‘Mall Girls’ de Kataryna Roslaniec (día 7), ‘Madre Teresa de los gatos’ de Pawel Sala (dia 8), ‘Rosita’ de Jan Kidawa-Blonski e ‘Ostatnie Pietro’ de Tadeus Król (día 13), ‘Marcas’ e ‘Somnolencia’ de Magdalena Piekorz (día 14) e ‘Amor’ de Slawomir Fabicki (día 15).

Carteleira galega

Ao tempo, os sábados dedícanse ás presentacións inseridas na nova entrega de Off Galicia, que deu comezo a pasada fin de semana con ‘Onde as rúas non teñen nome’ de Alba Vázquez e continuará con ‘Up Against the Wall Motehrfuckers!’ de Marcos Florez, Samuel M. Delgado e José Luis Maire (9 de novembro), ‘A raia’ de Iván Castiñeiras (16 de novembro), ‘Alma e industria’ de Segundo Grandío (30 de novembro), ‘A realidade’ de Alberte Pagán (7 de decembro) e ‘9 días’ de Simone Saibene (14 de decembro).

Na nova edición dos Desencadres do CGAI e baixo o subtítulo ‘Últimas fronteiras’ figuran, así mesmo, dous destacados títulos no panorama audiovisual galego actual: ‘O quinto evanxeo de Gaspar Hauser’ (días 17 e 18 de decembro), filme de Alberto Gracia galardoado co premio FRIPESCI do festival de Rotterdam, e ‘Costa da Morte’ (días 19 e 20), co que Lois Patiño recibiu o premio á mellor dirección emerxente en Locarno.

Ambas as dúas fitas, producidas por Zeitun Films co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, comparten cartel neste ciclo con outras tres películas que presentan espazos xeográficos e personaxes afastados da chamada civilización moderna: ‘A Spell To Ward Off The Darkness’ de Ben Rivers e Ben Russell (18 de decembro), ‘Two Years At Sea’ de Ben Rivers (día 19) e ‘La Région Centrale’ de Michael Snow (día 20).

‘Cine do desasosego’

Portugal será outro dos eixes deste programa bimensual, no marco do que entre o 21 de novembro e o 13 de decembro terán lugar dez xornadas de proxeccións arredor da actualidade cinematográfica do país veciño. O ciclo ‘Cine do desasosego. Portugal hoxe’, organizado en colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, a Agencia da Curta Metragem portugesa e CulturArts-Filmoteca de Valencia, está conformado por cineastas aos que o CGAI lles vén prestando unha atención preferente nos últimos anos, como Manoel de Oliveira, Pedro Costa, Miguel Gomes, João Pedro Rodrigues ou Gonçalo Tocha, ao tempo que ofrece unha excelente oportunidade de se achegar á obra doutros creadores como Joaquim Pinto, João Vladimiro, Salome Lamas, Rita Azevedo Gomes, Margarida Gil, Tiago Pereira, Miguel Fonseca, João Rui Guerra da Mata, Sandro Aguilar ou João Nicolau. Destes dous últimos exhibiranse, por exemplo, cadansúa sesión de curtametraxes, unha das especialidades do máis recente cinema portugués.

Nesta carteleira hai tamén lugar para as novas citas do ciclo Fóra de Serie, dedicado a presentar títulos normalmente afastados das salas comerciais. É o caso da triloxía ‘Paraíso’ de Ulrich Seidl (días 5, 12 e 19 de novembro), ‘Stemple Pass’ de James Benning (7 de novembro), ‘Los ilusos’ de Jonás Trueba (15 de novembro), ‘Bernardette’ e ‘Make it New John’ de Duncan Campbell (día 20) e ‘A World not Ours’ de Mahdi Fleifel (5 de decembro). Así mesmo e en colaboración co Festival Cineuropa de Santiago de Compostela, o CGAI achegará ao público galego a obra completa de Dan Sallit, un dos principais representantes do cine independente norteamericano, do que se proxectan as tres longametraxes que ten realizado ata o momento: ‘The Unspeakable Act’ (3 de decembro) e ‘Honeymoon’ e ‘All the Ships at Sea’ (11 de decembro).

Este programa complétase con dous títulos pensados para os espectadores máis novos a través do ciclo CGAI Júnior, dentro do que se proxectará ‘As andanzas da pequena toupa’ de Zdenêk Miler (23 de novembro) e ‘El Cascanueces’ de Andrei Konchalovsy.

A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES