Notas de prensa

Preséntase un libro de ensaios filosóficos de Domingo García-Sabell

O libro Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, editado polo Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, reúne os ensaios filosóficos do médico, escritor, político e humanista compostelán que deseñou a idea dunha Galicia contemporánea.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), vén de sacar do prelo a obra “Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía”, que presentou hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, nun acto que se desenvolveu na biblioteca compostelá Ánxel Casal.

Na súa intervención, García Gómez referiuse a “Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía” como “un feito de recuperación, pero tamén de recoñecemento a un home e a toda unha xeración que soñou unha Galicia subida ao tren da modernidade, e que traballou por logralo”. En palabras do secretario xeral, “Ramón Piñeiro liderou o grande movemento que agromou a partir de 1950 a prol do enriquecemento e reinterpretación dunha cultura secular que precisaba de intelectuais modernos, ben instruídos e informados. Á chamada acudiu, canda a innumerables pensadores, literatos, poetas, humanistas e científicos, Domingo García-Sabell para, sen esperar nada a cambio, asumir a obriga moral de traballar no deseño da Galicia contemporánea”.

O titular de Política Lingüística estivo acompañado por Teresa García-Sabell, filla de Domingo García-Sabell; por Ramón López Vázquez, coordinador da obra; por Xerardo Fernández Albor; por Alfonso Varela Durán, médico e discípulo de Domingo García-Sabell; e por José Carro Otero, membro da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia.

‘Domigo García-Sabell e a fenomenoloxía’

"Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía" edítao a Secretaría Xeral de Política Lingüística por medio do proxecto de recuperación de textos do CRPIH e recompila, baixo a coordinación de Ramón López Vázquez, abondosos ensaios do médico, escritor, político e humanista Domingo García-Sabell, quen foi presidente da Editorial Galaxia, presidente da Real Academia Galega e delegado do Goberno en Galicia.

O volume engloba un bo número de escritos filosóficos da autoría de García-Sabell, artellado en dúas partes que afondan nos principios teóricos, así como na aplicación destes á cultura galega da segunda metade do s. XX.

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

O CRPIH leva 20 anos impulsando a investigación do idioma propio de Galicia nos eidos lingüístico, literario e antropolóxico. Na súa andaina, deu a lume máis de 200 produtos científicos e contribuíu á formación de máis de 400 investigadores, tanto galegos como estranxeiros, dos que un bo número son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes do ensino medio que, desde os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes achegas ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

No seo do CRPIH desenvolve o seu labor o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), un proxecto no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega para garantir a actualización léxica do galego e asegurar a viabilidade do seu uso en todas as áreas da vida pública. Actualmente, o CRPIH ten en marcha arredor dunha vintena de proxectos de investigación entre os que destacan o Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), o CoToVía, a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), Fraseoloxía galega, o Arquivo Galicia Medieval, a Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os “Cadernos Ramón Piñeiro”. Ademais, prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES