Notas de prensa

Espazos Sonoros 2013 remata en Celanova con música barroca

O conxunto instrumental Música Acordada estrea o seu novo proxecto, xunto á organista Marisol Mendive. O concerto, no Mosteiro de San Rosendo de Celanova, pecha Espazos Sonoros 2013 que percorreu galicia nesta sexta edición.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despide o ciclo Espazos Sonoros 2013 cun concerto da orquestra Música Acordada na igrexa do mosteiro de San Rosendo de Celanova, en Ourense, o domingo 27 de outubro ás 20:00 horas.

O conxunto instrumental barroco pecha a sexta edición deste ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, que colleitou, un ano máis, unha excelente resposta do público nas diferentes convocatorias de concertos e actividades. Farao coa estrea do seu novo proxecto, De cordas, tubos e teclas, xunto á organista Marisol Mendive, un programa centrado no papel do órgano como instrumento solista no Barroco. Este último concerto do festival será unha oportunidade única para gozar dos repertorios barrocos da música para órgano e conxunto instrumental.

Música Acordada é un dos máis recentes e prometedores proxectos do panorama musical galego. Inicia as súas actividades en 2012 cando varios músicos e profesores de corda de diferentes conservatorios de Galicia, interesados na interpretación da música dos séculos XVII e XVIII, deciden formar unha orquestra para afrontar os repertorios propios do Barroco.

Concertos e actividades en espazos do patrimonio cultural
A sexta edición do festival Espazos Sonoros percorreu as catro provincias galegas desde o pasado 8 de setembro con concertos e actividades musicais en diferentes espazos do patrimonio histórico galego. Mostra da excelente acollida nesta edición foron o concerto en Armenteira do grupo inglés Gothic Voices, destacado tanto pola afluencia de público como pola calidade interpetativa do conxunto convidado e a especial simbiose xrada entre música e espazo, ou os emotivos momentos vividos en Cervo, con motivo da reapertura do auditorio do seminario de Sargadelos co espectáculo de danza Habelas.

Formacións como Il Combattimento, Marcos Teira, Odaiko Percussion Group, Caxade, Marisol Mendive, DandyLady, Gothic Voices, Emilio Cao, a compañía Cía trasPediante ou The Delightful Companion percorreron nesta edición diferentes espazos de interese cultural de Galicia, algúns xa vellos coñecidos do ciclo, como o Museo Massó de Bueu ou a igrexa de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía, e outros descubertos para a curiosidade do público como os gabinetes científicos do IES Lucus Augusti, o muíño de maré Pozos de Cachón de Muros ou a Igrexa de San Salvador de Camanzo, espazo no que se tivo unha oportunidade única para visitar o patio interior do antigo mosteiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES