Notas de prensa

Créase a figura do Embaixador do Camiño de Santiago por promocionar no exterior as rutas xacobeas

As novas distincións, nas categorías de institucións e de persoas que destacan pola súa promoción internacional das rutas xacobeas, entregaranse cada ano en outubro, coincidindo co día en que o Camiño foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa hai 26 anos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación do decreto polo que se crea a figura do ‘Embaixador de Honra do Camiño de Santiago’, que distinguirá o labor das persoas físicas ou xurídicas que teñan contribuído de xeito especial ao coñecemento e divulgación do Camiño, así como da cultura e dos valores xacobeos.

Un título, segundo destacou, cun dobre obxectivo: transmitir o agradecemento a todas as persoas que defenderon as rutas xacobeas ata o de agora; pero, tamén, solicitarlles que sigan defendendo o Camiño no futuro.

“Imos seguir afondando nos principais valores do Camiño de Santiago. Desde hai séculos as distintas rutas gozan dunha extraordinaria vitalidade espiritual, cultural e social que permitiron convertelas nun símbolo de fraternidade e nun faro permanente de unidade da Unión europea”, e que contribúen a “facer de Galicia e de España un referente turístico a nivel mundial”, recoñeceu.

O titular do Goberno galego salientou que o traballo das administracións e a súa colaboración coa Igrexa Católica permitiu ao longo das últimas décadas impulsar con máis forza o Camiño. E proba diso son as cifras de peregrinos que se incrementan cada ano, alcanzando cifras históricas neste 2013: ata o día de onte selaron a Compostela 205.532 peregrinos, 22.035 máis que o ano pasado por estas datas, un 12% máis.

Pero tamén recoñeceu que son os millóns de persoas que fan o Camiño, procedentes de todo o mundo, as que verdadeiramente manteñen a súa vixencia e o seu auxe. “Mulleres e homes que coñecen o valor do Camiño e que propagaron por distintas partes do mundo coa súa testemuña o seu valor”, dixo.

Segundo se especifica no texto, existirán dúas categorías de ‘Embaixador de Honra do Camiño’, ambas as dúas con carácter vitalicio e exclusivamente honorífico: a categoría a título persoal e a categoría de carácter institucional. Un título que, segundo Feijóo, como calquera peregrino tamén fai un camiño de ida e volta: “De ida porque supón transmitir o agradecemento a todas as persoas que se teñen vinculado co Camiño de Santiago”, asegurou; pero tamén de volta, porque o que se lle pide a quen reciba esta distinción é “que o sigan defendendo no futuro”.

A presentación de propostas de candidatos para o título poderá realizarse ao longo de todo o ano. E os embaixadores comprometeranse a colaborar na programación cultural anual da Xunta con, polo menos, unha acción ou actividade, para a divulgación dos valores humanos e sociais, culturais e espirituais do Camiño.

Así mesmo, poderán concederse como máximo oito títulos de embaixador vitalicio en cada categoría, correspondentes ao número das oito rutas históricas do Camiño de Santiago; e a entrega das distincións farase no mes de outubro de cada ano, coincidindo co día en que o Camiño foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa hai 26 anos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES