Notas de prensa

Adxudícanse case 174.000 euros a 76 proxectos de distribución de espectáculos

Agadic publica na súa web a primeira resolución desta modalidade, á que destina 350.000 euros e para a que aínda permanece aberto o prazo de solicitude. sta categoría insírense no programa xeral de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais, a través do que este ano se adxudicarán máis de 2,6 millóns de euros para o sector cultural galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica na web da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) a adxudicación dun total de 173.380 euros a 19 empresas culturais galegas a través do apartado de distribución da liña de subvencións ás industrias culturais. Esta é a primeira contía concedida este ano ao abeiro desta modalidade, para a que se reserva un total de 350.000 euros. Destínase a apoiar 76 propostas de distribución de espectáculos escénicos e musicais e de promoción exterior de produtos culturais a través da asistencia a feiras e mercados profesionais.

No caso da modalidade de distribución e á espera de que se resolva a concesión do orzamento restante, nesta primeira relación de empresas beneficiarias contabilízanse 14 compañías de teatro, dúas promotoras musicais, outras dúas editoras e unha galería de arte. No caso do teatro, favorécese a presenza en numerosos escenarios, mostras e festivais, principalmente fóra de Galicia, das compañías A Xanela do Maxín, Ancora Produccións, Boaobab Teatro, Eme2 Emoción&Arte, Inversa teatro, Malasombra Producións, OS Monicreques de Kukas, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producións, Tanxarina Títeres, Teatro alla Escala 1:5, Teatro del Andamio, Teatro Ensalle e Voadora. En canto á música, a través desta primeira quenda de adxudicacións apóiase a extensa xira española desenvolvida a pasada temporada polo grupo Luar na Lubre.

Feiras e mercados internacionais

Tamén reciben apoio as editoras Ouvirmos e Hércules de Ediciones para viaxar a destacadas feiras internacionais como a de Frankfurt ou a de Bolonia, as promotoras musicais Mar Maior e Tres Laboratorio para asistir a Womex 2013, que se desenvolve estes días en Cardiff (Gales); Tanxarina Títeres para participar en diferentes encontros escénicos, e a Galería Trinta para acudir a Casa Arte, Arco e Lima Photo.

Esta modalidade de axudas á distribución insírense, á súa vez, no programa xeral de subvencións 2013 que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve a través da Agadic e que supón un investimento directo no sector cultural galego de 2.646.000 euros a través de seis liñas de axuda: ás industrias culturais, a producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega, ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, á creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, á organización de festivais escénicos e musicais de carácter profesional e a festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado.

A relación completa de beneficiarios e contías concedidas está dispoñible para a súa consulta en www.agadic.info.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES