Notas de prensa

O Intecmar segue controlando a crise das biotoxinas nos mexillóns

Na Comisión do Mexillón no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, a conselleira do Mar louba ao Intecmar e a responsabilidade do sector ante o episodio de biotoxinas. Di que o sistema de control evitou que o produto contaminado chegase ao consumidor.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu á xuntanza da Comisión do Mexillón na que se avaliou a situación do episodio de biotoxinas mariñas que afecta a Galicia e outras circunstancias relacionadas co sector mexilloeiro. Tras a reunión, a titular de Medio Rural e Mar insistiu en que o sistema de control de biotoxinas do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño “está funcionando moi ben” e destacou a profesionalidade do sector, que “tamén fai os seus propios controis”, co cal, sinalou, “a cadea está funcionando perfectamente”.

Rosa Quintana lembrou que o Intecmar é un referente a nivel europeo e internacional que naceu con dous obxectivos fundamentais. Por unha banda o de garantir a saúde do consumidor e pola outra, traballar en beneficio dos produtores. Neste sentido, sinalou a conselleira, “está dando mostras de que funciona”, xa que se evitou que chegase produto con biotoxinas ao consumidor e ademais nestes momentos séguese traballando intensamente, facendo mostraxes “con moitísima frecuencia para garantir sempre o bo estado dos nosos produtos para que os consumidores sigan apostado por eles”. Explicou ademais que se realizará o seguimento tanto das condicións oceanográficas como das analíticas para que os polígonos de mexillón e os bancos marisqueiros “estean pechados o menor tempo posible”.

En canto á situación e ás consecuencias da marea vermella, Rosa Quintana explicou que a situación é de certa estabilidade e que “de momento non podemos falar de perdas económicas, porque a toxina é un organismo que pode aparecer de xeito natural na auga e que non lle provoca ningún dano ao molusco”. Malia todo, indicou que, de ser necesario, se adoptarán medidas como a de aumentar o número de cordas nalgunhas bateas para que non se perda a produción e se poida proceder ao seu desdobre de ser necesario. Asemade, insistiu en que a marea vermella é un proceso natural e habitual e que todos os produtores están acostumados a que exista e a convivir con ela.

Neste caso, lembrou que a toxina apareceu dunha maneira “moi virulenta e moi rápida” e que afectou inmediatamente, non só a polígonos de mexillón, senón tamén a bancos marisqueiros. Non obstante, insistiu unha vez máis en que os produtos adquiridos polos cauces legais de comercialización teñen garantidas as súas condicións hixiénico-sanitarias porque están amparados polos controis.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES