
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou na Casa de Galicia en Madrid a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, unha das mostras de arte étnica latinoamericana máis importantes do mundo, actualmente en exposición no Museo Centro Gaiás e onde se poderá visitar ata o 12 de xaneiro de 2014.
A presentación enmárcase nas accións de promoción fóra de Galicia da programación da Cidade da Cultura, convidando neste caso a que se aproveiten os últimos tres meses da mostra para viaxar a Santiago e coñecer unha colección que se exhibe por primeira vez en España e Portugal.
Pertencente á prestixiosa Fundación Cisneros de Venezuela, a exposición reúne 1.135 pezas que achegan aos visitantes ao hábitat e a forma de vida dos pobos do Alto Orinoco. A mostra chega a Galicia de despois de percorrer algunhas das institucións culturais máis importantes de Europa durante os últimos trece anos e recibir sete millóns de visitantes.
No acto, o responsable de Cultura e Educación estivo acompañado pola fundadora da Fundación Cisneros, Patricia Phelps de Cisneros; o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López; o presidente do padroado da Fundación Gaiás, Juan Manuel Urgoiti; e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.
Na súa intervención, Vázquez Abad subliñou a excepcional acollida que está a ter Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, que xa foi visitada por máis de 26.000 persoas dende a súa inauguración o pasado mes de maio. Un éxito ao que contribúe ademais o completo abano de actividades que se están a desenvolver ao seu redor, entre as que destacou o programa de visitas didácticas, as visitas Aventura no Amazonas dirixidas a público familiar, o ciclo Orinoco en danza, en colaboración co Centro Coreográfico Galego ou o ciclo de conferencias Descubre o Orinoco con
, co que se pretende pór en valor aspectos concretos, como a artesanía ou a diversidade medioambiental deste territorio.
Museo Centro Gaiás: punto de promoción de Latinoamérica
O conselleiro de Cultura e Educación mostroulle o total agradecemento aos responsables da Fundación Cisneros: Patricia Phelps e o seu marido Gustavo A. Cisneros, que non dubidaron en apostar por un museo que está a dar os seus primeiros pasos e ver nel as enormes posibilidades que ofrece ata o punto de convertilo no espazo no que promover en España a cultura latinoamericana.
Por este motivo, Vázquez convidou a desfrutar dos obxectos e imaxes que se reúnen agora no Museo Centro Gaías, a gozar da súa arquitectura e a comprender un pouco mellor o que significan Compostela e Galicia neste tempo, que busca un futuro de calidade para todos.
O conselleiro de Cultura destacou que o gran valor da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido en especial o seu gran valor didáctico, por unha parte a autenticidade destes vestixios, chegados dun dos países cos que mantivemos maiores intercambios desde Galicia, traídos dunha Venezuela que nos ofreceu un campo xeneroso para desenvovler proxectos e darlle prosperidade á nosa terra; por outra, o modelo para a nosa infancia e mocidade do que se pode conseguir con entrega, sabedoría e afán de descubrir o marabilloso máis aló do evidente na vida cotiá. Ademais salientou que a mostra conta tamén cun complemento marcado pola nosa propia tradición fluvial e as formas nas que convivimos coas augas do noso territorio. Unha resposta que fala en favor do intercambio, da convivencia e o benestar común, coa aceptación do diferente como base para un mundo que desexamos mellor.
Viaxe ao mundo perdido
Esta mostra convida a aventurarse nunha das rexións máis salvaxes, inaccesibles e máxicas do planeta para descubrir a vida e a cultura das doce etnias que habitan a conca do terceiro río máis caudaloso da terra, o mesmo que fascinou a escritores como Julio Verne, Arthur Conan Doyle e a científicos como Alexander Humboldt.
O visitante introdúcese na selva amazónica, un percorrido por sendeiros cheos de mitos, maxia e sortilexios, a través das 1.135 pezas das tribus Deáruwa (Piaroa), Yekuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), Eñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti; recompiladas durante máis de trinta anos de exploracións da familia Cisneros ao corazón da selva venezolana.
Un percorrido que se completa con música cerimonial de catro das etnias do Orinoco e 120 impactantes fotografías das coleccións de Edgardo González Niño e Charles Brewer-Carías. Ao discurso expositivo engádense cinco pezas documentais e unha sección multimedia a través da web www.orinoco.org, un novidoso website educativo con importantes recursos visuais e didácticos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.