O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que o esforzo realizado pola Xunta a prol da solvencia das contas autonómicas lle permite agora blindar durante dous anos o seu compromiso de pagar puntualmente a factura farmacéutica da sanidade pública.
Así o expresou durante o acto de sinatura dun concerto entre o Servizo Galego de Saúde e os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia que supón, dixo, confirmar para os próximos dous anos un acordo que dá estabilidade e seguridade ás case 1.500 oficinas de farmacia, á distribución e tamén aos empregos directos e indirectos que supoñen todas as prestacións farmacéutica en Galicia.
Estamos a falar dun pacto destinado a garantir un dos piares do Estado do Benestar, destinado a comprometer 1.500 millóns de euros dos presupostos para os próximos dous anos. Un pacto que dá certeza, seguridade e garantía na prestación farmacéutica. Unha aposta pola cooperación que garante a estabilidade do sector pero que tamén contribúe á sustentabilidade do servizo social máis importante que presta a Xunta: o servizo social da sanidade para todos, engadiu.
Deste xeito, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir a traballar por unha sanidade pública eficiente que permite construír ou ampliar cinco novos hospitais; licitar 15 centros de saúde; cambiar e modernizar toda a aparataxe tecnolóxica dos complexos hospitalarios do Sergas; garantir a estabilidade para as oficinas de farmacia e a seguridade para todos os pacientes do Sergas. E isto significa ademais que Galicia está navegando na tormenta económica cun rumbo axeitado da recuperación e do mantemento dos servizos públicos esenciais.
Nesta liña, o titular da Xunta afirmou que isto é posible grazas, tamén, á colaboración dos profesionais sanitarios, que están implicados cada día máis nunha sanidade pública sustentable; e dos pacientes, que multiplicaron por 4 o seu consumo de medicamentos xenéricos (pasando de menos dun 10% a un 38%). E hoxe, tamén,-engadiu- coa complicidade dos colexios farmacéuticos que afondan na súa labor de garantir a viabilidade.
Estamos ante un marco de estabilidade que queremos alongar para os próximos anos cunha prestación farmacéutica que supón uns 750 millóns cada ano, nun conxunto de gasto farmacéutico de arredor de 1.000 millóns. Estamos, polo tanto, destinando e dándolle prioridade a unha das partes máis importantes do orzamento de Galicia de 8.000 millóns: 1.000 millóns os investimos en farmacia, dos cales 750 millóns a través da receita farmacéutica e das oficinas de farmacia.
O titular do Goberno galego afirmou que en virtude do convenio, durante os próximos dous anos as farmacias galegas seguirán cobrando da Administración entre os días 15 e 20 do mes seguinte á presentación da facturación, unha medida que reflicte a aposta do Executivo autonómico por dotar dun marco de estabilidade estes establecementos do eido sanitario.
Na súa intervención, resaltou a disposición das farmacias a colaborar co Servizo Galego de Saúde en diversos programas de saúde, como no cribado do cancro colorrectal; a seguir investindo no aplicativo da receita electrónica; a acurtar os tempos de revisión e control de facturación das receitas farmacéuticas; a manter os descontos en pañais absorbentes e a introducir un desconto do 20% nas tiras reactivas para diabéticos.
Por último, lembrou que o catálogo de medicamentos, que hoxe está expandido por todo o Sistema Nacional de Saúde, segue a dar resultados, no primeiro semestre deste ano levamos reducido un 15% o gasto farmacéutico e un 12% o número de receitas. E temos que seguir porque queremos blindar o futuro da sanidade pública, aseverou.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.