Notas de prensa

Publícase o decreto regulador do sistema de etiqueta ecolóxica

Acredita que os produtos galegos cumpren os criterios europeos de calidade ambiental. A etiqueta ecolóxica da UE é un instrumento eficaz para orientar o consumidor cara a aqueles bens e servizos que acreditan revestir un menor impacto ambiental na súa comercialización e prestación, permitíndolles ás persoas operadoras, acreditar a dita circunstancia no mercado.

O Diario Oficial Galicia publica o mércores 25 de setembro o decreto polo que se regula a aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da Unión Europea na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta disposición ten por obxecto establecer as normas para a aplicación de conformidade co establecido no Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE e do máis recente Real decreto 234/2013, do 5 de abril, polo que se establecen normas para a aplicación da dita norma comunitaria en España.

A crecente demanda xurdida en Galicia para a obtención da etiqueta ecolóxica da UE fai necesario levar a cabo o seu desenvolvemento normativo mediante a disposición mencionada, que se estrutura en catro capítulos: onde se recollen os preceptos relativos ao obxecto e ao ámbito de aplicación; o capítulo segundo contén a designación do órgano competente e detalla as súas funcións; o terceiro recolle as previsións correspondentes ao outorgamento da etiqueta ecolóxica de UE, así como a comprobación do mantemento dos requisitos e as súas eventuais prohibición e revogación; e, no capítulo cuarto, regúlase a adaptación dos produtos etiquetados ás modificacións dos criterios establecidos para o outorgamento do distintivo.

Ámbitos de aplicación

Esta norma será aplicable a aqueles bens ou servizos subministrados para a distribución, o consumo ou a utilización no mercado comunitario, xa sexa mediante pagamento ou de forma gratuíta. Ademais deberán cumprir os seguintes requisitos:

• Que o produto estea incluído nalgunha categoría que dispoña de criterios para outorgamento da etiqueta ecolóxica aprobados pola Comisión Europea.
• Que o produto proceda da Comunidade Autónoma de Galicia, fabricado ou prestado no su territorio, ou que se comercialice nel se procede de fóra.

No proxecto de decreto quedan excluídos calquera tipo de produtos sanitarios, en particular os medicamentos para uso humano definidos na Directiva 2001/83/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de novembro de 2001.

O órgano competente en materia de etiqueta ecolóxica da UE será a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que exercerá as seguintes funcións:

• Resolver o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.
• Controlar e vixiar a correcta aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
• Prohibir a utilización da etiqueta ecolóxica da UE ou, de ser o seu caso, revogar o seu outorgamento cando se dea algunha causa prevista no artigo15.
• Iniciar ou dirixir a elaboración en revisión dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE nos termos previstos polo artigo 7 do Regulamento (CE) 66/2010, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.
• Representar á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos órganos estatais e, no seu caso, comunitarios, en materia de etiquetaxe ecolóxica de acordo ao que se estableza na regulación vixente.
• Adoptar e propoñer medidas destinadas a promover o sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE.
• Calquera outra que lle outorgue a regulación vixente do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE.

Este decreto contribúe a outorgar un maior protagonismo á ecoetiqueta nos procesos de contratación pública, xa que aquelas empresas que presenten este certificado terán un valor engadido e estimularase, mediante un efecto arrastre, o reverdecemento do mercado. Ademais, facilítalles a elección aos consumidores e usuarios que desexan reducir os efectos ambientais adversos e contribuír así a unha utilización eficaz dos recursos.

Características

A etiqueta ecolóxica da UE constitúe un instrumento eficaz para orientar o consumidor cara a aqueles bens e servizos que acreditan revestir un menor impacto ambiental na súa comercialización e prestación, permitíndolles ás persoas operadoras (produtoras, fabricantes, importadoras, provedoras de servizos, maioristas ou minoristas) acreditar a dita circunstancia no mercado a través dun mecanismo verificado por organismos independentes e avalado pola Administración.

O sistema de etiquetaxe ecolóxica europea foi instaurado pola UE como un instrumento voluntario destinado a promover o deseño, a produción, a comercialización e a utilización de bens e servizos con menores repercusións no medio ambiente durante todo o seu ciclo de vida, proporcionándolles ás persoas consumidoras un distintivo que lles permita identificar tales bens ou servizos no mercado. Para isto, a normativa comunitaria prevé que os Estados membros designen un organismo competente para o desenvolvemento dos cometidos relacionados coa etiqueta.

En Galicia, a Lei 1/1995, de protección ambiental xa esbozaba esta figura e remitía o seu desenvolvemento á Xunta, a pesar do cal non se chegou a aprobar ate a data a normativa galega necesaria para darlle plena operatividade en Galicia. O decreto aprobado enche este baleiro proporcionando ás nosas empresas unha valiosa ferramenta de competitividade no mercado nacional e europeo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES