O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, incidiu na necesaria modernización da administración pública coma base da Estratexia Europa 2020 da Unión Europea para acadar un crecemento intelixente, sostible e integrador.
Alfonso Rueda mantivo unha xuntanza co director de Crecemento Intelixente e Sostible do Sur de Europa da Comisión Europea, Raoul Prado, coma responsable de fortalecer a cohesión económica, social e territorial das rexións e países da UE. Rueda e Prado coincidiron na necesidade de apostar pola modernización administrativa para impulsar o crecemento económico e garantir así un uso racional de recursos.
Rueda indicoulle que as rexións europeas, coma Galicia, consideradas de transición manterán o 60 por cento das axudas europeas no vindeiro período financeiro, o que supón ás arcas autonómicas máis de 2.000 millóns de euros que contribuirán a consolidar os investimentos postos xa en marcha e lograr unha converxencia real e irreversible co resto de Europa, permitindo manter a tensión impulsora que tiñan ata o de agora as políticas de cohesión.
Ademais, o vicepresidente incidiu que na nova política de cohesión, a Comisión Europea estableceu que todas as rexións europeas deben elaborar unha estratexia de especialización intelixente, o RIS3, coma condición para executar os Fondos Feder e Feader 2014-20, que neste novo período financeiro supoñen unha importante parte dos Fondos de Cohesión que vai recibir a nosa comunidade.
Rueda explicoulle a Raoul Prado que grazas a esta Estratexia de Especialización Intelixente levada xa a cabo pola nosa comunidade dende o ano pasado, racionalízanse os recursos e os fondos públicos e privados, acadando unha maior eficacia e eficiencia, focalízanse os esforzos baseándose na excelencia e na competitividade, planifícanse e articúlanse as políticas de innovación dos próximos anos, e se posibilita tamén o cambio do modelo produtivo para conseguir crecemento económico e postos de traballo sostibles e de calidade.
Ademáis, o titular da Vicepresidencia pediulle ao responsable de Crecemento Intelixente e Sostible e do Sur de Europa da Comisión Europea que se incentive os concellos que cooperen e se fusionen entre sí, tal e como está a facer o Goberno galego desde o ano pasado.
Seminario Fundación Galicia Europa
Alfonso Rueda clausurou posteriormente o Seminario 'A reforma do sector público na Estratexia Europa 2020', que tivo lugar na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, onde participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, xunto ao xefe da Unidade de Europa 2020 de Competitividade e Innovación e secretariado xeral da Comisión Europea, Marcel Haag e a xefa da Unidade de Europa 2020 e políticas nacionais de competitividade da UE, Ruth Paserman.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.