Notas de prensa

Galicia presenta en Bruxelas a reforma da administración levada a cabo

O vicepresidente da Xunta reuniuse co vicepresidente da Comisión Europea, Maros Sefcovic, e o embaixador-representante permanente de España ante a UE, Alfonso Dastis, e aproveitou o encontro para pedir que os fondos europeos aposten pola e-Administración e os concellos que cooperen entre eles.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse co comisario de Relacións Institucionais e da Administración e vicepresidente da Comisión Europea, Maros Sefcovic, para explicarlle de primeira man as reformas administrativas que Galicia implantou de xeito pioneiro desde o ano 2009.

Rueda explicou que o comisario europeo recoñeceu o traballo realizado pola Xunta nestes catro anos, especialmente no relativo a asuntos como a redución da chamada “Administración paralela”, a introdución de mecanismos para racionalizar o funcionamento da Administración galega ou as contratacións centralizadas, que aparecen reguladas na recentemente aprobada lei de Racionalización da Administración Autonómica.

Segundo explicou o vicepresidente Rueda, o comisario europeo manifestou que o traballo que se está a realizar en Galicia está moi en sintonía coas reformas que tamén se están a levar no seo da Unión Europea. Por iso, Sefcovic mostrouse receptivo ante a petición galega de que todo ese traballo “adiantado” se teña en conta á hora de recibir axudas comunitarias no novo escenario orzamentario 2014-2020.

Ademais, para poder continuar co traballo iniciado en Galicia nos últimos anos, Rueda pediulle que os fondos europeos aposten pola e-Administración e todo o relacionado coa modernización tecnolóxica; e que á hora de dar axudas se teñan especialmente en conta aqueles concellos que cooperen e se unan entre si; algo que xa está a facer o Goberno galego desde o ano pasado.

Tras o encontro con Maros Sefcovic, o vicepresidente da Xunta mantivo unha reunión co embaixador-representante permanente de España ante a UE, Alfonso Dastis, para seguir afondando nestes asuntos e continuar co obxectivo de facer oír os intereses de Galicia no corazón de Europa.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES