O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou á defensa dun mercado comunitario igualitario para os produtos do mar que garanta o futuro e a competitividade do sector conserveiro europeo, español e galego. Fíxoo no marco da inauguración da VI Conferencia Mundial do Atún, que se celebra entre hoxe e mañá na cidade de Vigo e na que participan preto de 300 expertos e directivos de empresas radicadas nunha trintena de países, que concentran o 90% da produción mundial de conservas de pescados e mariscos.
Na súa intervención, o presidente galego sostivo que o espírito de defensa dos intereses comúns e de mellora da competitividade dos nosos produtos debe ser o que guíe os pasos das políticas da Unión Europea para garantir o futuro do sector conserveiro, impedindo a entrada de novos axentes no escenario europeo cando a actividade transformadora ou comercializadora non se realice en igualdade de condicións que as dos propios Estados membros.
Feijóo advertiu que acordos de libre comercio entre a Unión Europea e terceiros países para a comercialización dos seus produtos pesqueiros e conserveiros no ámbito comunitario xeran alarma e conducen cara a un terreo de xogo que fai perigar a viabilidade do sector, ao non dispoñer a industria atuneira europea dos mesmos instrumentos de competitividade que as industrias foráneas, o que, dixo, xera graves disfuncións.
Nesta liña afirmou que, a pesar de que Europa non se pode pechar a unha economía globalizada, tampouco os estados membros podemos renunciar a defender a competitividade dos nosos produtos. Por iso, engadiu, desde o Goberno galego estamos dando a batalla na defensa dun mercado en igualdade de condicións hixiénico sanitarias, sociais e ambientais e sen competencias desleais que evite a facilidade na entrada na UE de produtos do mar procedentes de terceiros países que dispoñan de vantaxes competitivas ou da exención de aranceis.
Defendemos e sostemos a necesidade de que as conservas de atún queden excluídas destes pactos comerciais xa que considerou- se países foráneos logran vantaxes para introducir a súa produción no mercado comunitario, a Unión Europea, ao dar consentimento e amparo a estas prácticas, estaría poñendo en grave risco a supervivencia da súa propia industria atuneira e conserveira.
O mandatario autonómico reclamou, pois, o estrito cumprimento de todas as normativas como unha exixencia irrenunciable da UE e os seus estados para permitir a entrada de produtos da pesca en conserva procedentes destes terceiros países. Desde o Goberno galego apelamos á unión de esforzos na defensa dun mercado comunitario único e igualitario do atún e de todos os produtos do mar, enfatizou, incidindo na importancia e relevancia da industria atuneira a nivel comunitario, español e galego.
España e Galicia, á cabeza do sector
España é o primeiro produtor de conservas e semiconservas de pescados e mariscos da UE e o segundo a nivel mundial, sendo a comunidade galega pioneira na produción, con máis do 85% do volume producido no conxunto do Estado. Ademais, as conservas de túnidos son o principal produto elaborado pola industria conserveira española, representando máis do 68% do total do volume e acadando o 60% do seu valor.
O xefe do Executivo galego destacou que o sector transformador de conservas e pescados e mariscos contribúe ao PIB nun 2,8% e xera o 6,5% do emprego industrial en Galicia, sendo capaz de liderar o crecemento de comarcas enteiras da nosa terra e de auspiciar o despegue de enclaves portuarios como o da Pobra do Caramiñal, líder autonómico en tráfico de túnidos.
Ante estes datos que avalan a importancia do sector conserveiro e atuneiro, Feijóo congratulouse de decisións como a adoptada pola Comisión Europea en xaneiro deste ano, ao ampliar o abastecemento de lombos de atún libres de arancel ata as 22.000 toneladas. Unha decisión que considerou fundamental para garantir a competitividade desta industria e imprescindible para preservar a importante dimensión socioeconómica dun sector que xera 15.000 empregos directos en España, deles, o 85% en Galicia.
Feijóo rematou a súa intervención subliñando que esta VI Conferencia Mundial do Atún é o escenario idóneo para reflexionar e abordar os retos e desafíos desta industria e amosouse confiado en chegar a acordos que permitan definir unha folla de ruta para traballar no futuro do sector.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.