
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, asinaron o segundo contrato-programa, no que se fixan os criterios para o cálculo e asignación do crédito correspondente ao fondo subvención por resultados ata o ano 2015; e que pechan o desenvolvemento do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015. Non en balde no devandito plan establecíase que as contías asociadas ao devandito fondo se distribuirían en función de contratos-programa, un deles referido aos anos 2011-2012 e o segundo para os 2013,2014 e 2015.
Neste acto asinouse ademais o convenio para o impulso do desenvolvemento do Campus Terra para a elaboración cunha achega de 120.000 euros da Consellería- do Plano estratéxico e o Programa de necesidades funcionais do Campus Terra en Lugo, co fin de potenciar a singularidade e a especialización dos Campus das Universidades galegas.
Contrato-programa
Tal e como establecía o Plan, o importe do fondo de subvención por resultados nos anos de vixencia destes segundos contratos-programa asinouse un con cada universidade será do 10% do total dos créditos destinados ao financiamento das universidades do SUG. Así, no 2013 repartiranse ao abeiro destes contratos un total de 37.154.175,10 euros, mentres que as contías do 2014 e 2015 definiranse en base ás contías totais dos orzamentos destinados ao SUG para eses anos.
Para a asignación das contías do fondo de subvención por resultados teranse en conta os 20 indicadores acordados coas tres universidades xa en 2011, que abarcan 8 áreas de acción que definen as dimensións máis relevantes da actividade universitaria. Así, tomaranse como punto de partida os valores que as universidades acadaron en cada un destes indicadores no ano 2010, uns valores que quedaron xa recollidos no anexo do contrato-programa 2011-2012. Ademais, anualmente as universidades deberán presentar a medición dos resultados nestes 20 indicadores para efectuar o reparto, datos que serán verificados por unha auditoría externa, a fin de garantir a súa exactitude.
No ano 2013, o 50% do importe total do fondo repartirase segundo os resultados dos valores de 2010, e o outro 50% segundo os de 2012. Nos anos 2014 e 2015 os datos iniciais do 2010 suporán un 40 e un 30% do reparto, respectivamente; mentres que o resto do importe 60 e 70%- distribuirase en función, en cada caso, dos valores dos anos 2013 e 2014.
Impulso da calidade universitaria
O fondo de subvención por resultados ten como obxectivo impulsar e fomentar a mellora da calidade e os resultados docentes, potenciar a actividade investigadora básica e aplicada; apoiar as actividades de responsabilidade social e de xestión.
Para iso, mídense indicadores arredor de 8 áreas de acción, nomeadamente adaptación ás necesidades sociais, docencia, investigación, transferencia de tecnoloxía, proxección internacional, responsabilidade social, xestión e campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Así, os indicadores valorados refírense a criterios como o tempo medio que tarda o alumnado en atopar emprego, a produción científica, o número de programas de doutoramento con mención de calidade e selo de excelencia, ou os ingresos de investigación por proxectos competitivos, entre outros. Ademais, no referido aos campus non centrais, valórase especialmente o número de alumnos matriculados nos mesmo na súa opción preferida, a súa produción científica e sexenios.
Campus Terra
Respecto do convenio para o impulso do Campus Terra, ao abeiro do mesmo elaborarase o Plano estratéxico e o Programa de necesidades funcionais, a través do cal se desenvolverán e concretarán as accións que posibiliten a implantación do Campus Terra no Campus de Lugo.
O plano estratéxico ten como misión vertebrar a estratexia de implantación do Campus Terra no Campus de Lugo co fin de consolidalo como un centro de referencia e excelencia e dotar de personalidade científica ao Campus de Lugo. Buscase o promover a excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario galego e a súa implicación no cambio de modelo económico baseado no coñecemento.
O documento do Plano Estratéxico do Campus Terra deberá contemplar, como mínimo, aspectos coma a mellora docente, a mellora científica, o impulso da transferencia de coñecemento e da tecnoloxía como resultado da investigación académica ao sector empresarial, a transformación do campus para o desenvolvemento dun modelo social integral, e as melloras dirixidas a adaptación e implantación ao Espazo Europeo de Educación Superior.
O Campus Terra será ademais unha oportunidade para impulsar a captación, retención e desenvolvemento do talento para que o Campus alcance unha posición de liderado internacional nas áreas de especialización vinculadas coa Terra.
O Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza especialmente este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas redes sociais, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos audiovisuais nados no ámbito dixital.
A Cidade da Cultura celebrará o Día do Circo o vindeiro 19 de abril co espectáculo 'Sen patrón', da compañía galega Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional 2025 desta disciplina artística. A proposta terá lugar no Xardín do Teatro, ás 17,00 horas, con entrada libre e de balde. Así, o Día do Circo convértese nun momento para celebrar tamén a chegada da primavera cunha proposta escénica aberta, festiva e accesible para todo tipo de públicos, que combina cabaré, números aéreos e malabares cunha dramaturxia que reivindica tanto técnicas circenses tradicionais como contemporáneas. Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis relevantes das artes vivas de Galicia, que traballa a prol da profesionalización do circo na Comunidade, impulsando as carreiras de artistas e traballadores do sector.