O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avaliou cos reitores das tres universidades galegas os obxectivos da innovación galega ata 2020, que estarán recollidos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que a Xunta remitirá á Comisión Europea. Os reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, analizaron con Conde os principais eixos do documento, que as universidades contribuíron a elaborar xunto á Consellería e a outros 200 axentes do Sistema Galego de Innovación.
A elaboración da RIS3 é unha condición establecida pola UE para que Galicia capte 2.000 millóns de euros en Fondos FEDER e FSE entre 2014 e 2020, dos que 1.200 millóns dedicaranse a innovación, eficiencia enerxética e apoio á competitividade das pemes. Galicia utilizará a RIS3 como guía para planificar tódalas súas políticas de innovación nos vindeiros anos. De aí a importancia da participación das Universidades na elaboración da Estratexia, un papel que foi clave dado a relevancia destas institucións na investigación galega e na transferencia deses coñecementos ao mercado.
Os fondos europeos suporán ademais unha oportunidade para converter a Galicia nun polo de atracción de científicos e investigadores, que coloquen o tecido produtivo galego á vangarda da tecnoloxía, e destacou o papel que están chamadas a xogar as Universidades, funcionando coma pontes de coñecemento entre a investigación e a empresa.
Para marcar as liñas mestras da Estratexia de Especialización Intelixente, as Universidades sumáronse ao resto de axentes do Sistema Galego de Innovación en varios grupos de traballo. Tras meses de análise, presentaron á Xunta preto de 40 propostas en forma de obxectivos, que a Consellería a través da Axencia Galega de Innovación- tomou en conta á hora de redactar a versión final da RIS3.
Algúns dos obxectivos propostos polos grupos de traballo nos que participaron as Universidades foron: converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes, como as ciencias de materiais, nanotecnoloxía, nanoeléctrica, biotecnoloxía ou fotónica ás nosas principais industrias tractoras (textil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición.
A transferenza do coñecemento entre centros de investigación e empresa será clave no modelo innovador que nacerá da RIS3, e por iso os grupos de traballo tomaron como exemplo máis de 700 casos de empresas galegas que, grazas á I+D+i acadaron o éxito nos seus respectivos sectores.
Todo ese traballo buscará, unha vez rematada a RIS3 e acadados os fondos europeos, que os investigadores galegos teñan unha maneira clara e eficaz de chegar ao mercado, que as PEMES innoven de maneira eficiente e que o capital privado acade un elevado nivel de compromiso investidor en I+D+I.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.