Notas de prensa

Novo paso adiante na racionalización da oferta de titulacións universitarias

O Consello Galego de Universidades da un paso máis no proceso de racionalización e mellora da oferta de titulación no sistema universitario galego. Quedaron autorizados 80 novos programas de doutoramento para o curso 2013/2014 que substituirán aos 140 preexistentes para mellorar a excelencia investigadora.

O pleno ordinario do Consello Galego de Universidades (CGU), celebrado na Cidade da Cultura, autorizou a implantación de 80 novos programas de doutoramento segundo está rexido no Real Decreto 99/2011, que substituirán aos 140 distintos existentes na actualidade, e así axeitalo ao novo marco normativo nacional e europeo, así como ás necesidades de concentración e especialización investigadora. Trátase dun proceso de extinción que abrangue ata o ano 2017, e deste xeito dáse un novo paso no desenvolvemento da racionalización e mellora da oferta de titulación no Sistema Universitario Galego

Deste xeito e, malia a moratoria aprobada polo Ministerio respecto do prazo de adaptación dos doutoramentos aos requisitos establecidos no Real Decreto 99/2011, as tres universidades do SUG traballaron firmemente de xeito que no próximo curso, a totalidade dos programas de doutoramento que se oferten en Galicia, cumprirán o establecido na norma, sendo a primeira comunidade en rematar o proceso de adaptación. Así a oferta reducirase sensiblemente grazas ao esforzo de racionalización e concentración levado a cabo polas universidades en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación.

Titulacións universitarias

No mesmo CGU tamén se emitiu un informe relativo a outras titulacións universitarias que se ofertarán no Sistema Universitario Galego (SUG), que foron sometidas a procesos de avaliación, e que formarán parte da oferta académica a partir do curso 2013/2014. Así durante o encontro o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López Pereira, tamén informou que se trata de 22 graos, dos cales un deles é produto da fusión de dous preexistentes e o resto son produto dun proceso de adaptación e mellora. En canto aos máster trátase tamén de modificacións para a mellora así como a autorización dalgúns novos de tipo profesionalizante de cara a favorecer a empregabilidade dos nosos egresados. Cómpre recordar que a ACSUG é o organismo encargado de elaborar os informes dos títulos dentro dos procesos de avaliación.

Novas bolsas de matrícula en máster para persoas desempregadas
Así mesmo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou aos presentes que se está a tramitar a orde de convocatoria pola que a Consellería outorgará axudas económicas, cun orzamento inicial de 200.000 euros, ca fin de cubrir os custes de matrícula en titulacións de máster durante o curso 2013/2014 a titulados universitarios que se atopen en situación de desemprego.

Unha iniciativa que tal e como sinalou o conselleiro ten como obxectivo “mellorar as posibilidades de reinserción no mercado laboral, mediante a formación continua, especializada, de calidade e o fomento do espírito emprendedor”. Así os que remataron os estudos universitarios antes do 1 de xaneiro de 2010, residentes en Galicia os tres anos anteriores á convocatoria, e que agora se atopen desempregados poderán solicitar estas axudas para custear a matrícula íntegra dalgúns máster incluídos na convocatoria. Os beneficiarios deberán seguir durante o curso académico e como mínimo superar un terzo dos créditos nos que formalicen a matrícula.

O conselleiro recordou que, por segundo ano consecutivo, a Consellería volverá a convocar as axudas complementarias para o pagamento da matrícula do alumnado de novo ingreso e de continuidade, posibilitando o apoio económico naqueles casos que non poden acceder ás axudas polo incremento de esixencias académicas da convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, malia que cumpran os requisitos económicos establecidos.

Vázquez Abad incidiu en que “ambas iniciativas contribuirán á consecución dunha efectiva igualdade de acceso aos estudos universitarios na nosa comunidade, principio co que está plenamente comprometido o goberno autonómico”.

Actualización do máster en profesorado

Tamén deu conta da sinatura das addendas dos convenios de colaboración para a realización do practicum do Máster universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas, tal e como se ven facendo desde o 2009. Así, para o vindeiro curso ofertaranse 240 prazas na Universidade de Santiago, 195 na da Coruña e 280 en Vigo.

Durante o CGU Vázquez Abad confirmou o cambio de denominación do Grao de Enxeñaría da Edificación pola Universidade da Coruña, que pasará a denominarse Grao de Arquitectura Técnica, de acordo co informe emitido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Por outra banda neste encontro tamén se deu conta da situación do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), e informouse de que nestes días publicaranse os datos de PDI e PAS do curso 2011/2012 e a estatística de Universidades, Centros e titulacións.

Asistentes ao CGU

No pleno do Consello Galego de Universidades participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os reitores da USC, e UVigo, Juan Casares e Salustiano Mato, respectivamente, e o director da ACSUG, Eduardo López Pereira. A UDC estivo representada polo vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde Alonso. Tamén asistiron a subdirectora xeral de Universidades da Consellería, Beatriz Soutelo; e a xefa do servizo de Coordinación do Sistema Universitario da Consellería de Cultura e Educación, Lourdes Rodilla.

Polos Consellos Sociais das universidades asistiron Antonio Abril, da UDC, Manuel Puga, da USC, Ernesto Pedrosa, da UVigo; mentres que en representación do Parlamento de Galicia acudiron Xosé Manuel Cid, Carlos Pajares e Manuel Ladra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES