O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle o seminario internacional Inmigración/emigración e identidade na literatura infantil e xuvenil. Século XXI. Faino no marco da participación deste centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística na Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, ao abeiro do proxecto Literatura Infantil e Xuvenil, que coordina a profesora e investigadora do CRPIH Blanca Ana Roig Rechou.
Á primeira xornada de traballo, que se desenvolveu na sede do CRPIH, asistiron os secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo, respectivamente. No encontro científico anual participan expertos en literatura infantil e xuvenil dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro, castelán e mexicano.
Canda á mencionada Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano e o CRPIH, tamén participa nel o Grupo de Investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O programa completo do seminario pódese ver no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/arquivos/IIworkshop2013.pdf.
Influencia das literaturas na formación lectora e premios
A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CRPIH, tamén organiza esta semana -en colaboración co Grupo de Investigación LITER21 e mais coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega- a X edición do curso de literaturas infantís e xuvenís que ofrece a USC dentro da súa oferta de formación continua. Desta volta, o curso conta con sesións virtuais e presenciais que teñen como fin afondar na potencialidade destas literaturas na educación lectora e mais nos certames literarios e de ilustración no marco ibérico e iberoamericano.
Durante as sesións presenciais, que se desenvolverán en Santiago de Compostela desde mañá ata o venres -na Biblioteca Novacaixagalicia- os membros da Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano ofrecerán cadansúa panorámica en relación a estes aspectos nos seus respectivos sistemas literarios, así como reflexións arredor das estratexias e perspectivas de futuro.
O programa completo deste X curso de perfeccionamento As literaturas infantís e xuvenís ibéricas e iberoamericanas. A súa influencia na formación lectora. Os premios literarios e de ilustración, no que hai máis de 60 persoas matriculadas, está accesible no enlace web www.xunta.es/linguagalega/arquivos/X%20CursoFormacionXullo2013.pdf.
Proxectos de investigación literaria do Centro Ramón Piñeiro
A Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano intégraa un grupo de investigación interdisciplinar (formado por docentes de dez universidades de España, catro de Portugal e catro de Iberoamérica) que estuda a produción, recepción e mediación das lecturas textuais e visuais destinadas á infancia e á xuventude, aínda que non exclusivamente. Creouse no ano 2004 a raíz do primeiro encontro de investigadores do marco ibérico, que organizou o CRPIH.
O centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve actualmente varios proxectos centrados na literatura, entre os que cabe destacar o de Informes de literatura (un observatorio da literatura galega que acolle a produción anual de e sobre narrativa, poesía, teatro, celebración das Letras Galegas, ensaio, literatura infantil e xuvenil, literatura de transmisión oral etc), Dicionarios de literatura (no marco do que se está a elaborar un gran dicionario xeral de termos literarios, do que sairán outros máis especializados de cada unha das disciplinas ou áreas deste campo) ou Literatura Infantil e Xuvenil.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.