Se o Camiño foi un dos nexos que construíu Europa, o lugar compartido onde os europeos habituados a guerras e querelas se atoparon para facer algo xuntos, o Camiño pode ser hoxe un dos principios dunha conciencia intercultural baseada no diálogo e na tolerancia. Son as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a inauguración, na Casa da Parra, da exposición NaamGoong Moon. Un artista coreano no Camiño de Santiago.
Na súa intervención, o titular da Xunta salientou que un dos prodixios da ruta xacobea a Santiago foi prolongarse máis alá dos seus límites coñecidos. O Camiño ten a virtude de estenderse e chegar aos lugares máis recónditos do mundo e ás mentalidades máis diversas, aseverou, remarcando que, nos seus inicios, o Camiño foi un fenómeno europeo pero na actualidade converteuse xa en algo universal. O Camiño prolóngase no tempo e no espazo, abondou, incidindo en que chega intacto ao século XXI e atravesa mares e continentes ata facerse presente en Brasil, Australia, Estados Unidos, Israel ou Corea. O Camiño volve ser un vínculo entre xente que non se coñecía, pero que despois da peregrinación ten algo importante en común, argumentou.
Feijóo atribuíu á nostalxia do absoluto da que fala George Steiner, a explicación da atracción que exerce o Camiño sobre persoas distintas e distantes. Así, lembrou que tanto Paulo Coelho, como a australiana Dee Nolan, autora dun libro que relata a experiencia xacobea, Gal Lederman, unha moza israelí que comentaba estes días as súas peripecias na capital de Galicia, ou Martin Sheen e Emilio Estévez, co seu filme The Way, se sentiron atraídos por esta chamada da ruta xacobea.
O Camiño remata en Compostela pero empeza en calquera lugar do mundo onde latan os valores máis profundos do ser humano, afirmou o presidente da Xunta salientando que no caso concreto da exposición que hoxe se inaugura, foi Corea. Alí dixo-, sentiu NamGoong Moon unha atracción misteriosa que o leva a pensar que o Camiño reclama a súa presenza e a súa testemuña e así recolle as pegadas que a ruta vai deixando na súa sensibilidade de artista a través de diversas técnicas como a pintura, a escultura ou a fotografía.
Os vellos peregrinos de antano viñan a Santiago cunha nacionalidade e volvían á súa terra con dúas; adquirían a cidadanía europea e nos seus lugares de orixe convertíanse no xerme do europeísmo. Queremos que suceda o mesmo e que NamGoong Moon retorne ao seu país como galego e cidadán do mundo. Grazas a el, Corea e España, Corea e Galicia, Corea e Compostela, comparten un camiño e comparten o Camiño, concluíu.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.