
Tras a análise da situación do transporte aéreo en Galicia, a Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ven de adxudicar á empresa AIRIA Ingeniería y Servicios S.A. a redacción do Plan Estratéxico do Sistema Aeroportuario de Galicia. O plan ten por obxecto definir as accións concretas que conduzan á consecución dun sistema aeroportuario galego eficiente e competitivo. O prazo máximo para a redacción do devandito documento é de dous meses e medio.
O documento ten por finalidade garantir a viabilidade do sistema aeroportuario de Galicia a base dunha operación coordinada dos aeroportos de Lavacolla, Alvedro e Peinador. O traballo terá un enfoque global e considerará a todos os aeroportos que utilizan os cidadáns e as empresas de Galicia. Do mesmo xeito, terá un enfoque práctico para determinar a situación actual dos aeroportos galegos, o seu potencial en función das demandas de mobilidade de Galicia, así como as estratexias que se deben adoptar para maximizar o servizo que poden prestar á sociedade e á economía de Galicia.
O Plan Estratéxico do Sistema Aeroportuario de Galicia definirá as liñas da xestión aeroportuaria a curto e medio prazo e detallará novas rutas, xestión das mesmas, os aeroportos dende os que debe operar cada ruta e estratexias promocionais que busquen a eficiencia, así como a conectividade actual dos tres aeroportos galegos, no tocante ás infraestruturas e aos servizos de transporte público e valorando o custe dos mesmos.
Do mesmo xeito, o plan describirá o marco normativo e a súa previsible evolución, así como as fórmulas de colaboración coas compañías de baixo custe. Incluirá experiencias internacionais describindo exemplos de boas prácticas noutros países, incidindo nos casos de éxito, na promoción para a implantación de novas rutas aéreas e o establecemento de servizos low-cost.
No apartado internacional estudarase tamén a demanda potencial da conectividade aérea que se constata en cada un dos aeroportos de Galicia, realizando análises de datos demográficos así como da actividade comercial, industrial e turística.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.