
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de inscribir o Castelo de Sobroso, situado no concello de Mondariz, no Rexistro de Ben de Interese Cultural de Galicia, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Con esta acción, a Consellería afonda no camiño para unha mellor protección deste tipo de monumentos singulares.
O Castelo de Sobroso, declarado monumento polo decreto do 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois, inclúese agora no Rexistro de Ben de Interese Cultural de Galicia en base ao establecido na disposición adicional primeira da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de Patrimonio Cultural de Galicia. Segundo esta lei, todos os bens mobles e inmobles galegos que foron declarados de interese cultural con anterioridade a esta norma quedan sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.
Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación, trala solicitude presentada polo Concello de Mondariz, o informe técnico do Servizo de Planeamento e Inventario e o posterior pronunciamento favorable da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra, acordou ordenar a inscrición deste castelo no Rexistro de Bens de Interese Cultural.
Unha das fortalezas mellor conservadas de Galicia
O Castelo medieval de Sobroso, construído entre os séculos IX e XII, é na actualidade unha das fortalezas en mellor estado de conservación da nosa Comunidade Autónoma. Situada na poboación de Vilasobroso, a fortaleza eríxese nunha ladeira de monte de Landín, construída sobre un poboamento castrexo.
Nos seus inicios, o Castelo de Sobroso foi empregado para fins bélicos. A continuación, coa chegada dos Reis Católicos a fortaleza perde o seu carácter bélico e pasa a ser residencia de diferentes nobres e alcaides nomeados polos Condes de Salvaterra e os marqueses de Sobroso, para o control da xurisdición.
Así, neste estado mantense ata 1835, momento no que o castelo queda abandonado ata que a finais do século XIX o adquire o conde de Torrecedeira. Posteriormente, en 1923 esta fortaleza foi comprada por Alejo Carrera Muñoz, quen a restaura case por completo. En 1981 o Concello de Ponteareas merca o castelo para rehabilitalo e abrilo ao público.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.