O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle o xoves 4 de xullo ás 21:00 horas a estrea da curta de animación Cousas de meigas, producida pola empresa galega Firmist Animación, con dirección de Iván Fernández e guión de José Ramón Puente.
O escenario compostelán ofrece esta estrea dentro da súa temporada de programación e presta así un apoio adicional á difusión desta fita realizada pola produtora con sede en Ames que obtivera unha subvención de algo máis de 22.700 euros na convocatoria de 2011 da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) destinada á produción de curtametraxes, dentro da modalidade de animación en soporte cinematográfico.
Cousas de meigas conta durante oito minutos e medio a historia de Curuxa, unha meiga compostelá que perde a súa nai cando aínda non está preparada para ser meiga adulta. A partir de aí, fará probas frustradas co seu libro de conxuros e coa súa vasoira, pero terá unha axuda inesperada por parte dunha vella gárgola, coñecedora pola súa idade de todos os trucos e que posúe a peculiaridade de cobrar vida coa lúa chea. As peripecias entre Curuxa e a gárgola farán que a protagonista aprenda o funcionamento da vasoira como paso fundamental para facerse meiga adulta. Finalmente, o espectador decátase de que tanto Curuxa como a súa nai ou a propia gárgola son tan antigas como a propia cidade de Santiago de Compostela e que niso basean a súa sabedoría.
Ademais da dirección de Iván Fernández autor tamén da adaptación e do storyboard e do guión de José Ramón Puente quen a súa vez se fixo cargo da produción executiva participan na interpretación deste filme en galego como idioma orixinal os actores de dobraxe Daniel Pérez e Isabel Luis. Da animación ocupáronse Virginia Marcos, Javier Vázquez e Féliz Gil, responsable este último así mesmo da iluminación xunto a Pablo Pazos e Cristian Franganillo. Da banda sonora asinada por Sergio Pena forma parte a interpretación da canción titulada 'Medio Meiga' a cargo do grupo galego Ruxe Ruxe.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.