A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria retoma este ano a súa liña de apoio aos novos creadores audiovisuais a través dunha nova convocatoria das axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases destas subvencións, para as que se reserva un orzamento total de 66.000 euros que se destinará a proxectos de escrita individual de guións e de realización de curtametraxes.
Cultura e Educación recupera estas axudas, convocadas por última vez hai dous anos, co obxectivo de manter a súa aposta pola nova creación audiovisual e pola promoción de novas estéticas narrativas e de propostas experimentais, contribuíndo deste xeito a impulsar a diversidade cultural e o desenvolvemento de novas formas de expresión audiovisual.
Obras orixinais ou adaptacións
Esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o 1 de agosto, diríxese especificamente a creadores individuais que presenten proxectos inseridos nunha das dúas opcións especificadas. No caso da modalidade de guións, apoiaranse propostas de escrita de obras orixinais ou de adaptación de textos literarios para longametraxes de ficción, documentais ou películas para televisión.
Á segunda categoría poden presentarse proxectos de produción de curtametraxes de ficción en imaxe real, animación ou documental, en versión orixinal galega e cunha duración inferior aos 30 minutos. Nesta modalidade, darase prioridade a aquelas propostas experimentais, de decidido contido artístico e cultural, que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, que supoñan unha indagación subxectiva radical ou un achegamento a temáticas pouco exploradas desde o audiovisual e que aposten, ademais, polo proceso de rodaxe como método para atopar unha historia, para crear un universo propio ou para captar unha experiencia reveladora imposible de prever desde un punto de vista literario ou teatral.
Contías fixas por proxecto
Como novidade na convocatoria deste ano, as bases establecen as contías fixas que recibirá cada un dos proxectos finalmente subvencionados e que serán de 5.000 euros para a escrita individual de guión e de 6.000 euros para a realización de curtametraxes. Especifícase tamén que o importe adxudicado, ben de xeito illado ben en concorrencia con outros apoios económicos de carácter público, non poderá superar en ningún caso o 100% do custo da actividade para a que se concede a subvención.
Unha comisión integrada por expertos independentes será a encargada de avaliar as solicitudes de acordo cunha serie de criterios fixados de antemán. Así, para a valoración das propostas de escrita de guión terase en conta a orixinalidade e a calidade do proxecto, a súa viabilidade cinematográfica e a súa contribución a un audiovisual galego emerxente e con ollada propia, así como o currículo e traxectoria do guionista.
Para a modalidade de curtametraxes, o baremo inclúe aspectos que teñen que ver coa calidade e o valor artístico do seu guión, a contribución á experimentación, busca, investigación e innovación na linguaxe audiovisual; a viabilidade da execución do proxecto tendo en conta o orzamento e a cobertura do financiamento, e a traxectoria do creador que asina a proposta.
As solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.es. De xeito alternativo, tamén se poden presentar en soporte papel por calquera dos medios que se especifican nas bases e utilizando o formulario normalizado que se pode descargar tanto desde a sede electrónica da Xunta de Galicia como desde a páxina web da Agadic.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.