Notas de prensa

Conmemórase do Día da Música cunha selección discográfica sobre a obra de Rosalía de Castro

"Rosalía en vinte edicións discográficas", que está dispoñible no web da Consellería de Cultura, inclúe un escolma das principais gravacións da música de Rosalía realizada polo musicólogo Xaime Estévez, no marco do 150º aniversario da obra "Cantares gallegos".

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o Día da Música coa difusión na rede dunha selección discográfica sobre a obra de Rosalía de Castro, a poeta que máis serviu á creación musical galega. Rosalía en vinte edicións discográficas é o título baixo o que se presenta esta recompilación das principais gravacións existentes da música de Rosalía de Castro, coa que a Secretaría Xeral de Cultura pretende reforzar a capacidade de proxección da obra da autora en forma de canción.

No marco da celebración dos 150 anos da publicación de ‘Cantares gallegos’, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo pon ao dispor da cidadanía na súa páxina web esta escolma realizada polo profesor Xaime Estévez Vila, que recolle unha mostra da creatividade musical dedicada á obra de Rosalía de Castro e tamén á súa figura, en tanto que fonte inspiradora de artistas de diferentes épocas e estilos, ata 2012.

Acompañando a selección, Xaime Estévez achega información de interese sobre as diferentes edicións discográficas e sobre a difusión da obra de Rosalía de Castro a través da música, especialmente do poema Negra sombra, o máis musicado, aínda que toda a súa obra é fonte de inspiración musical.

Discografía rosaliana

‘Rosalía en vinte edicións discográficas’ é unha selección reducida da extensa produción musical desenvolvida a partir das letras da poeta galega. Segundo explica Estévez, musicólogo especialista en discografía galega, existen preto de catrocentas referencias a edicións gravadas que teñen a Rosalía de Castro como autora das letras. Entre elas atópanse exemplos que van desde os discos de lousa dos anos vinte gravados por coros como Cantigas da Terra da Coruña a Coral de Ruada de Ourense, ata traballos musicais recentes de estilos como o jazz de Alberto Conde, o rock de Astarot, o folk de A Quenlla ou Fía na Roca ou o rap de Aid, pasando polo pop de Los Tamara e Ana Kiro, e polos traballos de cantautores como César Morán e Jei Noguerol.

Menos numerosos son os monográficos de música e letra dedicados á escritora. O primeiro e un dos máis coñecidos foi o editado por Amancio Prada no ano 1975, titulado ‘Rosalía de Castro’, e ampliado e reformulado posteriormente como ‘Rosas a Rosalía’, en 1997, e inclúese nesta escolma discográfica que pode descargarse no web http://cultura.xunta.es

Xira musical ‘A Rosalía de Federico’, esta noite en Ourense
Ademais desta iniciativa ‘Rosalía en vinte edicións discográficas’, a Consellería de Cultura e Educación está a promover neste ano 2013 a celebración do 150.º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ con outras actividades de carácter musical. O programa de actividades arredor desta efeméride tamén inclúe outras actuacións que teñen a música como protagonista. É o caso da xira galega de Amancio Prada ‘A Rosalía de Federico’, un espectáculo no que o artista recupera as voces dos dous poetas a través da música. O Teatro Principal de Ourense acolle esta noite, ás 21:00 horas, o primeiro concerto desta xira que tamén que estará na Estrada (26 de xuño), en Vigo (27 de xuño), na Coruña (28 de xuño), en Salvaterra de Miño (24 de agosto) e Lalín (20 de setembro).

Este mes, a Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega tamén celebraron o concerto ‘No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía’, no que preto de cincocentos alumnos e alumnas de conservatorios musicais de toda Galicia lle puxeron voz a catro poemas da escritora.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES