Notas de prensa

Feijóo aposta pola internacionalización mobilizando 15 millóns de euros para novas liñas

Destaca que Galicia tivo o mellor mes de abril no que a exportacións se refire desde que hai rexistros, cun incremento do dobre da media nacional de exportacións.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, na rolda de prensa do Consello, e dentro da súa aposta pola internacionalización, novas liñas de impulso que permitirán mobilizar 15 millóns de euros co obxectivo de apoiar a máis de 200 empresas no eido das exportacións. “Aprobamos hoxe as bases específicas de apoio á internacionalización que mobilizarán 15 millóns de investimento en 3 eidos específicos de actuacións: implantación promocional conxunta no exterior, é dicir, o plan Primex; as misións inversas e a prospección das empresas en novos mercados”, explicou.

No que se refire ao plan Primex, Feijóo precisou que esta iniciativa, que recibe o 85% do orzamento total, está destinada ao impulso das primeiras implantacións das empresas galegas no exterior a través de proxectos conxuntos de cooperación que permiten unir esforzos, compartir custos e, se fose posible, desenvolver estratexias de marca. Neste eido, o titular da Xunta lembrou que o ano pasado, financiáronse 35 proxectos de colaboración con más dun cento de empresas beneficiadas.

Amais do impulso de misións inversas do estranxeiro a Galicia para favorecer colectivos de empresas galegas ou facilitar o contacto con posibles clientes internacionais; o titular da Xunta destacou o apoio ao desenvolvemento de prospeccións en novos mercados previas a unha posible implantación comercial estable.

A intensidade das axudas variará entre o 45% e o 80% dos investimentos subvencionables. E como novidade deste ano cómpre salientar que as axudas terán un un plus do 5% cando os beneficiarios dos proxectos sexan clústers ou empresas asociadas a clústers; “e haberá outro 5% de plus para apoiar aos proxectos que nazan de empresas radicadas en Lugo, Ourense, Ferrol Terra e Costa da Morte”.

Logo de lembrar que nesa aposta pola internacionalización os orzamentos deste ano increméntanse nun 10% neste ámbito; o presidente da Xunta subliñou que Galicia tivo o mellor mes de abril no que a exportacións se refire desde que hai rexistros, cun incremento do dobre da media nacional de exportacións.

Multiplícase por dez o orzamento para a formación dos investigadores galegos en centros de referencia exterior

No que a innovación se refire, o presidente autonómico destacou que a Xunta multiplica por dez o orzamento das bolsas para estadías de investigadores e tecnólogos galegos en centros de referencia do exterior para impulsar a súa formación.

“Destinamos 1 millóns de euros que beneficiarán a 100 profesionais dos centros tecnolóxicos e de investigación para que fagan estadías dunha duración de entre 1 e 6 meses nos que a Xunta financiará as súas retribucións, a súa viaxe e os seus gastos de manutención e aloxamento”, dixo.

Mellora da rede eléctrica de Galicia

Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as compañías eléctricas que mobilizará case 20 millóns de euros para mellorar a subministración eléctrica en 60 concellos onde viven máis de 600.000 galegos. O obxectivo, segundo avanzou o titular da Xunta, é actuar na mellora da rede de baixa e media tensión; na instalación de novos centros de transformación e de seccionamento; ou na implantación de novas liñas e subestacións.

Feijóo explicou que, nos últimos cinco anos, 200 concellos de Galicia onde vive o 71% da poboación viron mellorada a subministración eléctrica, cun investimento de máis de 44 millóns de euros.

“A situación e os resultados acreditan que mereceu a pena este esforzo”, afirmou o presidente galego, asegurando que se logrou unha redución de máis do 50% no tempo de interrupción do subministro con respecto ao ano 2008 e unha redución de máis do 38% no número de interrupcións. “A pesar da dispersión e a pesar das dificultades orográficas de Galicia, hoxe temos unha calidade na subministración eléctrica superior á media do Estado”, sentenciou.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo subliñou hoxe que a Xunta pon en marcha un programa de incentivos destinado a ofrecer solo industrial “accesible, máis barato e en mellores condicións de pagamento”, procurando, ademais, vías de colaboración con todos os axentes implicados. Trátase, resumiu, de abaratar os prezos do solo, de ofrecer facilidades de pago e de “involucrar a todos no obxectivo de que os que queiran investir en solo empresarial en Galicia saiban onde poden facelo e que, neste momento, é máis barato que nunca facelo”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta indicou que neste momento existen en Galicia 2,8 millóns de metros cadrados de solo industrial dispoñibles en 1.000 parcelas distribuídas por 50 parques industriais. E explicou que a posta en marcha deste proxecto responde tamén á constatación de que, “a pesar do descenso da actividade económica, existe demanda de solo industrial e en 2012 se vendeu maior superficie que en 2011”.

Enmarcou Feijóo o programa aprobado hoxe na vontade da Xunta por acompañar” aos que aposten por arriscar e investir diñeiro con posibilidades de crear emprego”, e nesa liña sinalou a recentemente aprobada Lei do emprendedor, que facilita a constitución de empresas en Galicia, eliminando ou axilizando trámites e establecendo un conxunto de incentivos fiscais que se aplicarán con efecto desde o 1 de xaneiro de 2013.

O presidente galego salientou que as medidas aprobadas hoxe supoñen dar un paso máis para impulsar o emprendemento a través dun mellor acceso ao solo industrial. Póñense así en marcha medidas distribuídas fundamentalmente en dúas liñas: “abaratar o solo e facilitar o pago, e, en segundo lugar, fomentar a colaboración con todas as administracións e con todos os axentes implicados para vender máis solo industrial”.

Nas súas declaracións, o titular da Xunta apuntou que, tendo en conta que “o principal problema que neste momento ten un demandante de solo industrial é a falta de financiamento”, se pon en marcha un paquete de incentivos que abaratan o solo e flexibilizan o pago.

Descontos e facilidades de pagamento

No primeiro paquete situou as medidas que supoñen “unha bonificación do 5 por cento do prezo da parcela para os interesados que simplemente se inscriban no rexistro de demandantes de solo industrial aberto o pasado luns no Diario Oficial de Galicia”, e descontos por pago ao contado por volume de compra, de acordo ao seguinte teor: no caso de parques rematados hai máis de 5 anos, o desconto será de ata o 10 por cento, e cando o importe da compra supere os 500.000 haberá unha bonificación extra do 5 por cento, mentres que nas contías inferiores a esa cantidade o desconto será do 3 por cento. Ademais, referiu que no caso de que a operación englobe tres ou máis parcelas, haberá un desconto adicional doutro2 por cento.

Xunto con isto destacou que, no caso das naves e industrias emprazadas fóra de ordenación, se establecen condicións especiais para facilitar o traslado a polígonos industriais de acordo coa normativa urbanística. Neste caso, sinalou, a achega dos Xestures será dun desconto do 3 por cento sobre o prezo de venda que se ven sumar aos descontos anteriores.

Finalmente, avanzou que se ofrecerán “parcelas singulares a baixo prezo”, con descontos que oscilan entre o 5 e o 50 por cento. Polo tanto, destacou, “estamos cunha batería de descontos que serán de media do 20 por cento, cun mínimo no contorno do 5 por cento e un máximo do 50 por cento”.

Ao carón destes incentivos, Alberto Núñez Feijóo referiu as medidas destinadas a facilitar o pagamento do solo industrial, contemplando o aprazamento de ata en cinco anos. Ademais, subliñou que, para operacións singulares “establecemos fórmulas máis flexibles de financiamento, adaptadas ás necesidades do cliente con entregas iniciais e prazos en función da parcela”.

En segundo lugar, o titular da Xunta indicou que se abre a posibilidade de establecer o dereito de superficie por 30 anos prorrogables e, en terceiro lugar, se crea a oportunidade de aluguer con opción a compra.

Fomento da colaboración

Na súa intervención adiantou tamén que o Goberno galego busca vías de colaboración que faciliten o proxecto de venda de solo industrial na Comunidade. Esta colaboración empezará polas propias consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e de Economía e Industria, que dará lugar “a unha liña de subvencións a fondo perdido para a compra de superficie empresarial e que será aprobada en vindeiros Consellos da Xunta”.

Referiuse tamén o presidente galego ao interese por implicar aos concellos para que “detecten no seu eido posibles clientes entre as pemes locais e comarcais” e propóndolles que apliquen bonificacións de ata o 90 por cento das taxas e impostos aos compradores e aos que se trasladen desde emprazamentos fóra de ordenamento.

Feijóo subliñou por último que se procurará unha liña de colaboración coas entidades bancarias para facilitar o financiamento das operacións da venda de solo empresarial da comunidade autónoma.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES