Notas de prensa

Economía anima ás pemes galegas a aproveitar a demanda en China

A Xunta de Galicia anima aos empresarios galegos a que teñan en conta a alta demanda de produtos e servizos de calidade en China. En 2012, as exportacións galegas ao país asiático medraron un 25% por parte de 323 empresas.

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, inaugurou en Santiago unha xornada técnica, organizada conxuntamente co Cluster Alimentario de Galicia (Clusaga), sobre as oportunidades para as empresas galegas no mercado chinés.

No encontro, Aguilera animou aos empresarios galegos a mirar como un país onde está medrando de xeito constante un segmento de consumidores cun alto potencial adquisitivo que demanda produtos de calidade, un nicho de negocio que as compañías galegas teñen potencial para aproveitar.

Neste sentido, Javier Aguilera destacou que as exportacións galegas a China medraron un 25% durante o pasado ano e que exportaron 323 compañías, case un 18% máis que o ano anterior. O director do Igape salientou igualmente que a Consellería de Economía e Industria dispón dun completo abano de servizos e apoios para acompañar ás empresas galegas en todas as súas fases de proxección ao exterior.

Salientou que o mercado chinés debe ser abordado con preparación previa, con formación especializada e mediante iniciativas de cooperación como o Plan Primex do Igape, destinado a apoiar primeiras implantacións comerciais en novos mercados, para ter maiores posibilidades de éxito.

Na xornada achegáronse os diferentes servizos e programas de apoio habilitados por Economía e Industria para favorecer a internacionalización empresarial, desde os diagnósticos previos a programas como o Re-Export, para facilitar o financiamento dos custos das exportacións.

Tamén participaron directivos de compañías galegas con experiencia positiva no mercado chinés, que compartiron cos empresarios asistentes o seu coñecemento sobre os negocios no xigante asiático.

O encontro celebrouse dentro das actividades de difusión e promoción da rede Enterprise Europe Network desenvolvidas no marco do proxecto Galactea Plus, no que participa o Igape. Como relator experto participou Jon Echanove, do EU SME Centre Pequín, un proxecto financiado pola Unión Europea que funciona como plataforma para facilitar a coordinación entre os estados membros, os provedores de servizos e as pemes europeas proporcionando información e asesoramento sobre o mercado chinés.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES